O Concello de Narón anunciou este luns 31 de agosto a licitación do proxecto de reparación asfáltica dunha vintena de camiños localizados en varias parroquias do rural. O importe de licitación ascende a 139.653 euros e poderanse presentar ofertas ata o día 14 de setembro, ás 23.59 horas, a través da Sede Electrónica do Concello.
Arranxo de camiños rurais
O proxecto contempla a reparación asfáltica ou reposición de pavimento de camiños localizados nas parroquias de Doso, Pedroso, Sedes, Castro, O Val, San Xiao, San Mateo e O Couto, entre eles os de Mosteiro, As Agras, Agrande, Vilacornelle, Os Calvos e Vilar… «En función do estado no que se atope o camiño e da súa ubicación e uso establecéronse tres tipos de actuacións, polo que nalgúns casos levaranse a cabo reparacións asfálticas que incluirán rebacheos e dobre tratamento superficial, noutros novos asfaltados con reforzo do actual firme e rego asfáltico e, nos restantes, procederase a botar zahorra en camiños de terra», tal e como avanzou a rexedora local.
En conxunto, asegurou Ferreiro que materialización deste proxecto permitirá mellorar o estado que presentan na actualidade unha vintena de camiños do rural que suman unha superficie que ronda os 8.000 metros cadrados, moitos deles orixinados trala concentración parcelaria e que se foron degradando co paso do tempo e de maquinaria pesada.
A maiores da reparación do firme, avanzou, «tamén se procederá a limpar as cunetas e os noiros existentes e, no caso de que se considere necesario, reabriranse novas cunetas para que poidan evacuar mellor as augas pluviais».
Na parroquia de Sedes melloraranse os camiños de Sabín, Louseiras e Placente; en Doso o de Os Calvos; en Pedroso os de Congostras-Capela da O, Mosteiro, Pedregal-Río do Couto; en San Xiao os de As Agras e Vilar; en San Mateo os de Lavandeira e Vilar-Agrelo; En Castro o de Agrande-Nelle; no Val os de Vilacornelle e Pedreira; no Couto os de Vilar e Cornido.