O Concello de Narón mantén aberto dende hoxe e ata o vindeiro 25 de setembro o prazo para presentar imaxes á undécima edición do «Concurso de Fotografía Cidade de Narón». As persoas que desexen participar poden consultar as bases ao completo deste certame no enlace: http://www.naron.es/web/docs/Bases-XI-Concurso-de-Fotografia-Cidade-de-Naron.pdf.
Pola súa parte a concelleira de Turismo, Natalia Hermida, recordou que se entregarán tres premios, de 750, 300 e 150 euros á primeira, segunda e terceira fotografía mellor valoradas por un xurado especializado. As imaxes deben presentarse no Rexistro do Concello, de luns a venres, entre as 8.30 e as 13.00 horas.
Un espello da riqueza local
As fotografías deben amosar a riqueza de Narón, podendo centrarse en varias áreas a súa temática: humana e social -ámbito veciñal, deportivo, industrial, festas populares…- ou espazos naturais de interese, de lecer, culturais e tecnolóxicos ou patrimonio monumental, arqueolóxico e etnográfico.
O lugar ou entorno debe ser do concello naronés e recoñecerse como tal na imaxe presentada ao certame, que está aberto á participación de persoas maiores de idade. Como máximo cada participante poderá presentar tres imaxes, en cor ou branco e negro, que deben cumprir todos os requisitos estipulados nas bases desta convocatoria, tal e como apuntou Hermida.
Características a ter en conta
O xurado valorará o impacto visual, a calidade técnico artística e a creatividade con ata un máximo de 10 puntos -cada un destes criterios-. As doce imaxes que reciban maior puntuación ilustrarán o calendario de sobremesa que editará o Concello de Narón para o ano 2021.
As persoas interesadas en recibir máis información sobre este certame poden dirixirse ao correo electrónico: [email protected] ou chamar ao número de teléfono: 981 337 700 -extensión: 1502-.