O Concello de Narón entregará varios agasallos para conmemorar este ano o Día das Letras Galegas, o vindeiro 17 de maio, xornada na que se homenaxeará ao escritor ferrolán Ricardo Carballo Calero. Dende a Biblioteca municipal se fará chegar aos centros educativos e aos Centros Cívicos Sociais e Culturais do Concello –nestes últimos casos unha vez reabran á cidadanía- un exemplar do libro “De Carballo Calero a Carvalho Calero: biografía, escolma de textos, guías de lectura, actividades e xogos”, editado por Hércules Ediciones.
A maiores, tamén se entregarán nos días previos e durante a vindeira semana un exemplar de literatura infantil ou xuvenil –segundo a idade- aos usuarios e usuarias do bono social do Servizo Sociocomunitario e do servizo de impresión de documentos escolares, menores de 3 a 16 anos.
“En total repartiremos algo máis de 400 exemplares en galego para conmemorar o Día das Letras Galegas, facendo partícipes desta data a persoas de tódalas idades e recordando a figura de Ricardo Carballo Calero, un dos escritores galegos do século XX máis destacados no mundo da cultura, cunha dilatada traxectoria literaria e natural do veciño municipio de Ferrol”, recordou a alcaldesa Marián Ferreiro.
O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Narón tamén se suma ás iniciativas enmarcadas no Día das Letras Galegas, e repartironse bolsas cun deseño sobre a figura de Ricardo Carballo Calero entre as oito librarías do municipio que colaboran nesta proposta: Day, Nova, Contos, Nany, Merche, Albatros, Fina e Pasapáxina. Nestes establecementos entregaranlles as bolsas a todas as persoas que merquen algo alí. As mesmas bolsas conmemorativas do Día das Letras Galegas tamén se entregarán ás persoas que leven algunha publicación en préstamo da Biblioteca municipal.