A sección sindical da CIG na central de Pull&Bear no polígono do Río do Pozo, en Narón, denuncia que a empresa decidira restablecer o traballo presencial logo de que expirase o Real Decreto 10/2020. Nas pasadas semanas, explica Rubén Gasalla, da sección sindical da CIG, os traballadores e traballadoras viñan realizando con normalidade o traballo desde a casa, ao tratárense de perfís para os que a presenza no centro de traballo non é necesaria. Os equipos informáticos xa foran trasladados aos seus domicilios e preparárase a tal efecto unha rede de traballo en remoto.
A finais da semana pasada, indica, a empresa comunicaba a parte do persoal que debería acudir esta semana ao centro de traballo, transportando de novo os equipos informáticos. “Esta decisión arbitraria e precipitada supón tomar moi pouco en serio a saúde pública e a integridade do persoal”, afirman desde a sección sindical.
A decisión da empresa “contravén así o disposto no Artigo 5 do Real Decreto 8/2020”, onde se decreta a implantación do teletraballo como forma prioritaria de actividade laboral, e “non está asentada en criterios serios e obxectivos”. Por iso, desde a sección sindical da CIG solicítase que se manteña o réxime do teletraballo até que se levante o decreto de estado de alarma.
As tendas funcionarán «a porta pechada»
Ademáis, a multinacional galega de moda anunciou xa aos seus traballadores que retomarán parte do traballo presencial nas tendas do Centro Comercial Odeón, en Narón. Deste xeito, establecementos como Zara, Stradivarius, Bershka ou Pull&Bear volverán a estar operativas aínda que «a porta pechada» para dar saída a través do stock das tendas a unha boa parte dos pedidos on-line que reciben estes días.