A Deputación da Coruña celebrará o vindeiro xoves, 30 de abril, o primeiro pleno telemático da súa historia. Entre os asuntos da Orde do Día figura a aprobación das obras de construción dunha nova pasarela peonil na DP 5403 ao seu paso sobre a liña ferroviaria de FEVE na avenida de Santa Icía, en Narón.
Na zona existe actualmente unha ponte sobre a vía do ferrocarril, que permite tanto o tráfico rodado coma o peonil, pero os peóns cerecen de condicións adecuadas de seguridade e accesibilidade, xa que se trata dunha vía de doble sentido na que as beirarrúas apenas chegan a 0,70 metros de ancho e as beiravías a 0,50 metros.
Para eliminar este punto negro de seguridade, a Deputación executará unha pasarela metálica paralela á estrada DP 5403 sobre a liña de FEVE, que permitirá que o tráfico de peóns se realice en condicións de seguridade e de xeito totalmente accesible para todo tipo de transeúntes. A pasarela metálica proxectada conta cunha lonxitude de 18 metros, un ancho de 2,10 metros e unha altura de 1,20 metros
Para instalala, procederase en primeiro lugar á demolición da beirarrúa existente e ao fresado e rehabilitación do firme da ponte. Posteriormente, colocarase unha pasarela metálica para o paso peonil sobre a vía do tren, que permitirá un tránsito máis seguro para os usuarios. Ademais, prevese tamén a construción de dúas ramplas a ambos lados para mellorar o acceso á pasarela.
Na solución prevista respéctase a continuidade do trazado, garantíndose o acceso ás vivendas e garaxes veciños, así como os enlaces cos viais existentes. O prazo de execución das obras estímase en oito meses, e contan cun orzamento de licitación de 307.989 euros.
Cortes de tráfico
Debido á complexidade da zona de actuación desde o punto de vista do tráfico, tanto de peóns coma de vehículos, serán precisos distintos cortes de tráfico. Así, na rúa María Mariño cortarase o tráfico de maneira parcial durante as obras, permitindo unicamente o uso dun carril de circulación.
A colocación da pasarela implicará a necesidade de cortar totalmente o tráfico durante a duración dos traballos, tanto na avenida de Santa Icia, rúa San Carlos, como rúa Estación, para manter a entrada e saída á rúa María Mariño polo único acceso que ten. Procurarase que o corte se produza fóra dos horarios de maior tránsito.

Discussion about this post