A candidata de Terra Galega á alcaldía de Narón, Marián Ferreiro, anunciou no acto electoral celebrado en Castro un novo compromiso do seu programa electoral: favorecer a construción dunha residencia pública de maiores autonómica ou provincial, ofrecendo dende o Concello todas as condicións necesarias en canto á oferta de espazo público, urbanización para favorecer e contribuír á súa construción”. Así mesmo, recalcou que “continuaremos traballando para que esta cidade, con preto de 40.000 habitantes, conte cunha residencia pública para persoas maiores, un servizo que consideramos fundamental e que queremos que sexa unha realidade canto antes”.
Ante as veciñas e veciños da parroquia de Castro que se achegaron ao acto electoral, no que Ferreiro estivo acompañada polos edís Pablo Mauriz e Manuel Ramos entre outros integrantes da candidatura, tamén destacou que “continuaremos avanzando na implantación do saneamento e abastecemento, na área da eficiencia enerxética e en eliminar a fenda dixital que sofren aínda algunhas zonas de sombra do noso termo municipal”. Outra das propostas de TEGA para o vindeiro mandato é a creación dun mapa de rutas circular que atravese o Concello para dar a coñecer lugares emblemáticos. “Esta parroquia ten moitos atractivos coñecidos polas naronesas e naroneses, pero que tamén queremos amosar a outra xente a través desa ruta circular”, asegurou.