As pemes e autónomos naroneses poderán solicitar desde mañá as axudas do plan “Narón Impulsa”

O programa, dotado con 3 millóns de euros, está destinado a aqueles negocios que pecharon durante o estado de alarma ou perderon máis do 75% da súa facturación

Os autónomos e pemes de Narón poderán solicitar desde mañá mércores –e durante os vindeiros vinte días hábiles– as subvencións do programa municipal “Narón impulsa” a través da Sede Electrónica do Concello. O programa conta cun orzamento de tres millóns de euros destinados aos pequenos negocios afectados pola crise da Covid-19 e que durante este período tiveron que cesar na súa actividade ou viron mermada a súa facturación en alomenos un 75% dende que se decretou o estado de alarma.

“Apostamos por paliar os efectos da crise e, deste xeito, impulsar o tecido económico da cidade, inxectando unha liquidez aos afectados para que poidan manter en activo a súa actividade e o emprego”, recalcou a rexedora local Marián Ferreiro. O plan está composto por liñas de axuda de 2.000, 3.000 ou 4.000 euros, en función de cada caso. Os empresarios que se acollan a esta liña de subvencións, deberán cumprir unha serie de requisitos, como manter a actividade empresarial para a que foi concedida ata o 31 de decembro deste ano; se ten empregado, manter como mínimo un 50% do que se declare no momento de presentar a solicitude, entre outras.

Os datos xerais e a documentación a presentar poden consultarse a través da Sede Electrónica do Concello de Narón e a través da web municipal, donde tamén está publicada a guía do programa “Narón impulsa”.

 

 

Salir de la versión móvil