O prazo para solicitar as subvencións do programa municipal “Narón Impulsa” rematou o pasado martes, rexistrándose no Concello, a través da Sede Electrónica, un total de 779 solicitudes. Empresas, microempresas e autónomos da cidade son os destinatarios destas axudas, concebidas para ofrecer liquidez a un sector que padece os graves efectos da crise da Covid-19.
O Concello destinará unha partida de tres millóns de euros a este programa para todas aquelas empresarias e empresarios que tiveron que cesar a actividade das súas empresas tras decretarse o estado de alarma ou viron reducida a súa facturación en alomenos o 75% neste período.
Para facer efectivos os pagos, unha comisión valorará cada unha das solicitudes e elaborará unha proposta provisional de acordo -que se publicará na Sede Electrónica do Concello- na que figurarán tres casos: as persoas solicitantes que reúnen todos os requisitos e documentación requerida na convocatoria; as solicitantes que non cumpren os requisitos establecidos, desestimando a súa solicitude, e as que non aportaron a totalidade da documentación precisa na convocatoria, indicando neste último caso de que documentación se trata.
Nos dous últimos casos, os solicitantes disporán dun prazo de dez días hábiles para que presenten as alegacións que consideren oportunas ou, de ser o caso, enmenden a súa solicitude e presenten a documentación requerida. Unha vez transcurrido o prazo e co informe do Servizo Instructor, a proposta levarase á Comisión de Valoración para que a someta a aprobación do órgano competente e se publique de novo.
As subvencións do programa son de 2.000 euros para persoas físicas ou xurídicas sen persoal por conta allea ao seu cargo ou con ata dous traballadores a 1 de marzo deste ano; de 3.000 para persoas físicas e xurídicas con entre 3 e 9 traballadores tamén a 1 de marzo e, por último, de 4.000 euros para o mesmo colectivo pero cun cadro de persoal de entre 10 e 49 empregados a 1 de marzo deste ano.