Catro empresas se interesan polo proxecto de reconstrucción do antigo muíño de Xuvia

Os responsables das firmas visitaron as instalacións xunto ao edil de Obras e o técnico redactor do proxecto, que supoñerá unha inversión de 1,3 millóns de euros

Catro empresas interesadas na licitación dos traballos de rehabilitación do muíño de Xuvia visitaron hoxe a antiga construción da man do edil de Obras de Narón, Pablo Mauriz e dun técnico da empresa redactora do proxecto. Xuntos percorreron o interior das instalacións para comprobar o estado actual do inmoble, que será obxecto nos vindeiros meses dunha actuación licitada en 1,3 millóns de euros.

A citada actuación está cofinanciada polo Fondo Europeo de Desarrollo Regional (FEDER) no marco do programa operativo Plurirregional de España Feder 2014-2020 e enmarcado na Estrategia de Desarrollo Urbano Sostenible e integrado EDUSI “Ría de Ferrol, Cidade 2020”, pola Deputación da Coruña e o Concello. As empresas interesadas en presentar as súas propostas poden facelo a través da Sede Electrónica do Concello –sedeelectronica.naron.es- ata o vindeiro 7 de xullo ás 23.59 horas. A visita está contemplada no plego da licitación e esta mesma semana licitouse tamén a dirección de obra, por un importe de case 70.000 euros, tal e como figura na Sede Electrónica.

A empresa que finalmente resulte adxudicataria dos traballos levará a cabo unha das obras máis destacadas proxectadas dende o goberno local para o actual mandato, que permitirá recuperar un edificio histórico e cun gran valor patrimonial para a cidade. “A cuberta e os muros exteriores da construción rehabilitáronse no ano 2009, tal e como se pode comprobar dende o exterior, pero o interior precisa dun importante traballo para recuperar este muíño e devolverlo ao seu estado orixinario, como o gran complexo fabril que foi no século XVIII”, apuntou Mauriz.

Reconstrucción Integral

O proxecto encargado polo Concello contempla a reconstrucción de todos os edificios que integran o complexo, habilitando como museo e espazo didáctico esas vivendas e tamén varios espazos. A planta baixa convertirase en museo e a superior nun local polivalente no que se poderán organizar diferentes obradoiros, exposicións, conferencias e outro tipo de actividades. Así mesmo, reservarase unha zona para recepción dos visitantes, como punto de información sobre a cidade e tamén cun área para a exposición de produtos artesáns. Todo o conxunto estará unido por un patio cuberto cunha estrutura de vidro, para dar luminosidade ao conxunto.

Mauriz incidiu en que se trata “dun proxecto moi importante e valioso para esta cidade, un dos proxectos de futuro do noso goberno para poñer en valor esta construción que no ano 1858 foi o principal muíño do país en capacidade de produción dos da súa clase, moendo trigo e tamén unha fábrica de papel, outra de tecidos e outra de laminados”, como así se recolle na historia desta cidade.

O muíño de Xuvia é unha construción pola que sempre apostou o goberno local, primeiro negociando a súa adquisición cos seus antigos propietarios e posteriormente iniciando unha fase de rehabilitación que se completará con este investimento de 1,3 millóns de euros para recuperar un dos emblemas da cidade.

Salir de la versión móvil