Catro ‘start-ups’ buscarán inversores en Narón para desenvolver os seus proxectos

O Pazo da Cultura acollerá o próximo mércores 28 de outubro unha xornada de emprendemento a cargo do Netin Club, que incluirá tamén conferencias

O concelleiro de Promoción Económica, David Pita, e Jesús López, director de Netin Club na Coruña e Lugo, presentaron a “Convocatoria de investimento Netin Club Narón” que se desenvolverá o vindeiro 28 de outubro no Pazo da Cultura ás 18.30 horas. As persoas interesadas en participar poderán facelo vía telemática ou tamén de xeito presencial, a través deste formulario. “Trátase dun evento novidoso no Concello centrado no investimento e que consideramos de gran importancia para emprendedoras e emprendedores, aos que animamos a participar nesta convocatoria”, indicou Pita.

O director de Netin Club A Coruña e Lugo, Jesús López, será o encargado da primeira ponencia, ás 18.50 horas, sobre “Que é Netin Club?” e, a continuación –sobre as 19.00 horas-, o empresario naronés José Ramón Franco, xerente do Grupo Intaf, falará sobre a súa experiencia empresarial.

Unha vez rematadas as dúas ponencias previstas, catro start-ups que buscan financiación daranse a coñecer na cidade a través deste evento, no que presentarán a súa estratexia e previsión de negocio. Entre os asistentes haberá fondos de investimento a nivel nacional para escoitar estas iniciativas e analizar a viabilidade de financialas. O director de Netin Club da Coruña e Lugo, Jesús López, agradeceu a colaboración do Concello de Narón.

“A de Narón é a primeira ronda de investimento que imos facer no norte de España, neste caso en Galicia”. Avanzou que os proxectos que se presentarán son Smartwood, que achega a dixitalización ao mundo rural, a agricultura e o sector forestal; Eprox, unha ecomerce que aposta polo comercio local dotando aos pequenos comerciantes dunha ferramenta dixital que lles axude a dar visibilidade aos seus produtos; LiipCare, que creou unha pulsera que axuda aos pais no coidado dos seus fillos e fillas e, por último Ertha, que crea unha alternativa sostible e altamente ecolóxica ás tablas de surf convencionais.

Estes proxectos tan innovadores teñen cinco minutos para a súa presentación e logo abrirase un debate para que se poidan plantexar posibles dúbidas destas tres start up. “O noso obxectivo é que ningún bo proxecto dun emprendedor se quede no camiño por falta de financiamento”, destacou López. Sobre as 19.50 horas dará comezo a ponencia de David Conde, cofundador de Coinscrap e ao remate da súa intervención explicarase aos asistentes como poden facerse membros de Netin Club. A clausura do evento está prevista para as 20.30 horas.

O edil de Promoción Económica recalcou que “Narón ten chan industrial dispoñible, polo que dende o Concello queremos facer un chamamento aos inversores que queiran vir a Narón, porque Narón é empresa, para coñecer de primeira man o traballo que realiza Netin Club, o primeiro club dirixido a pequenos e medianos inversores e tamén as experiencias que se narrarán nesta convocatoria”.

Salir de la versión móvil