Descartado que a praga das moscas do Val esté causada polas granxas da zona

Os últimos informes constataron que tanto as condicións hixiénico-sanitarias das granxas como a xestión que realizan das dexeccións son as adecuadas

A Xunta asegura que non se pode atribuír a infestación de moscas que sofren varios lugares da parroquia do Val, en Narón, á actividade das explotacións gandeiras da zona. A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, reuniuse esta tarde coa directiva da asociación de veciños do Val para interesarse persoalmente pola problemática que están a sufrir.

Aneiros trasladou á asociación veciñal as conclusións do último informe, a raíz das inspeccións técnicas realizadas polos servizos veterinarios a varias explotacións de diferentes lugares da parroquia. Unhas inspeccións que atenderon a unha petición de colaboración do Concello e nas que se constataron que tanto as condicións hixiénico-sanitarias das granxas como a xestión que realizan das dexeccións son as adecuadas.

“Tal e como trasladamos ao Concello de Narón en xuño de 2021, as competencias en cuestión de control de pragas da Consellería de Sanidade limítanse á tramitación da inscrición das citadas empresas no ROESB de Galicia, así como o control periódico das mesmas, comprobando que o seu persoal dispoña da capacitación esixida ou que utilicen produtos biocidas autorizados”, indicou a delegada que aclarou que, en ningún caso, se desenvolven tarefas de investigación ambiental en materia de pragas nin se executan tratamentos para o seu control.

Salir de la versión móvil