Narón celebrará mañá o Día das Letras Galegas coas actividades programadas en “N de Narón. A festa das Letras”. A programación coa que se conmemorará a data, adicada este ano ao escritor lucense Francisco Fernández del Riego, iniciarase ás ás 12.00 horas cun espectáculo musical de Brais das Hortas: “Consertasso na horta”. A continuación, ás 13.00 horas actuará Mamá Cabra, con temas do seu traballo “Ondamini”. A programación retomarase pola tarde ás 17.00 horas coa actuación do Coro Peque Solidarium do Concello de Narón, integrado por menores de 6 a 11 anos. Ás 17.30 haberá un espectáculo de clown, con AsSircópatas, que traen á cidade “Rogelio, un pallaso en recuperación” e ás 18.30 comezará o concerto de Supermeiga.
As nenas e nenos que se acheguen á praza da Lectura poderán participar tamén ao longo do día nun obradoiro de imprenta ambulante a cargo de Alouette Machine, de 12.00 a 14.00 e dende as 16.30 ata as 19.30 horas e o público en xeral poderá visitar o espazo de lectura e libraría habilitado para a ocasión. Este ano contarán cun espazo propio as librarías naronesas Pasapáxina e Day e tamén asinarán libros a escritora Ana Meilán, de 13.00 a 14.00 horas e de 16.00 a 17.00, e o escritor Antón Cortizas, dende as 17.30 ata as 18.30 horas.
O Concello de Neda adiará ata o domingo a conmemoración do Día das Letras Galegas que, como é sabido, este ano se dedica a Francisco Fernández del Riego. No marco do programa “En maio, flores e letras” programarase o novo espectáculo para o público infantil de Fantoches Baj, baseado na obra Galicia do autor homenaxeado. “A viaxe feliz de Ramón Sanfiz” é o título desta proposta, que chegará á Casa da Cultura, o día 21 ás 12 horas, e que combina narración oral e monicreques.
Nela Ramón Sanfiz “aventureiro e percusionista dunha orquestra de baile da Mariña, disponse a percorrer un novo itinerario co seu triciclo” contando ao público infantil a viaxe realizada dende a súa vila ata San Andrés e as historias de xente que coñeceu. Esta produción de novo cuño de Fantoches Baj está baseada en Galicia, o libro de crónica de viaxes de Francisco Fernández del Riego no que o autor trazou unha ducia de itinerarios singulares percorridos polo seu alter ego: Ramón Sanfiz. As entradas poden reservarse, contactando coa Biblioteca Municipal.
Pontedeume celebra o Día das Letras Galegas cunha proposta para todas as idades O mércores 17 de maio entregarase, ás 11:00 na casa do Concello, o premio do XXXIII Concurso de Contos Vila de Pontedeume. Ás 12:30, a ofrecerá unha actuación a Asociación Folclórica Orballo. Por outra banda, ás 12:00, o Ateneo Eumés, xunto co Colectivo Terra Pontedeume e o Concello de Pontedeume, realizará un roteiro artístico e cultural por toda a localidade. Comenzará nos Xardín de Lombardero e percorrerá diferentes sitios da vila para rematar preto das 14:00 da tarde.
Ademais do roteiro, nos Xardíns de Lombardero haberá visitas guiadas ás 17:00. As inscricións deberán realizarse na Oficina de Turismo, localizada no Torreón dos Andrade, no número de teléfono 981 430 270 e no correo electrónico
[email protected] Tamén o propio mércores 17 de maio organizarase na Igrexa das Virtudes o festival ‘Letras Galegas’, a partir das 19:30, coa actuación da
Coral Polifónica Ferrolana “A Magdalena”, de Ferrol, Los Trasnochadores del Eume, de Pontedeume, e o Coro
Alegre Intermezzo, de Pontedeume.
A Banda de Música Vila de Cedeira ofrecerá este mércores o seu tradicional Concerto do Día das Letras Galegas. A cita será ás 19.00 horas no Auditorio Municipal, con entrada de balde, e o recital levará por título “Lendas, contos e…música”. Baixo a dirección de Eduardo Mallén, a Banda de Música Vila de Cedeira intercalará nesta ocasión a lectura de pequenas pasaxes de contos e lendas, tal como anuncia o título do concerto, cun repertorio musical no que destacará a presenza de compositores galegos como David Fiuza.
En Ares, o luns 22 de maio presentarase a obra «A Viaxe Feliz de Ramón Sanfiz», a cargo da compañía Fantoches Baj. Este espectáculo conta a historia de Ramón Sanfiz, un aventureiro e percusionista dunha orquestra de baile da Mariña lucense, quen se dispón a percorrer un novo itinerario co seu triciclo. Ao longo da súa viaxe desde o seu pobo natal, San Andrés de Teixido, Ramón comparte as diferentes historias que aprendeu dos habitantes que se atopou no camiño. Para a narración utilízanse diferentes técnicas do teatro de rúa, como a música, os monicreques, os romances e o kamishibai. Está dirixido a nenos e adultos a partir dos 6 anos e comezará ás 18:00 horas. A entrada é gratuíta e sen necesidade de inscrición previa