O pavillón polideportivo Campo da Serra é un ano máis o lugar elixido por Terra Galega para celebrar a cea de confraternidade na que se presentará a candidatura ás eleccións municipais do vindeiro 28 de maio liderada por Marián Ferreiro. O acto programado para este venres, dia 14, comezará ás 21.30 horas e está prevista a asistencia ao mesmo dunhas setecentas persoas, simpatizantes e militantes da formación.
A persoa encargada de dar a benvida aos asistentes e presentar á candidata á reelección por TEGA será o secretario xeral do partido na cidade, o exedil naronés Guillermo Sánchez Fojo. Tras dirixir unhas palabras aos asistentes ao acto, pasaralle a palabra a Ferreiro, que fará un balance do traballo realizado dende o goberno local, con dez de vinteún edís de Terra Galega, dende o ano 2019 ata a actualidade. Así mesmo, será tamén a encargada de dar a coñecer oficialmente á totalidade dos integrantes da lista coa que se presenta a formación aos comicios municipais, presentándoos publicamente. Unha vez rematado o turno de intervencións terá lugar unha cea de confraternidade nas instalacións do pavillón Campo da Serra.
A presentación da candidatura liderada por Ferreiro marca o inicio dos actos previos á propia campaña electoral, que comezará o 12 de maio. O equipo de TEGA recuperou no último ano os encontros coa veciñanza da zona urbana e rural, a través do programa “Cóntanos!”, que se tiveron que suspender durante a pandemia da Covid-19. Nos encontros os representantes de TEGA na cidade intercambiaron impresións coa veciñanza sobre a cidade e explicaron o traballo realizado en cada parroquia e barrio de Narón, sempre co obxectivo de continuar mellorando e incrementando servizos e equipamentos.