Marián Ferreiro visita as obras de mellora da accesibilidade na rúa Mugardos de Narón

A rexedora local lembrou que a maiores de esta intervención valorada en máis de 100.000 euros haberán outras na rúa da Paz e no Centro Municipal de Formación Irmás Froilaz

A rúa Mugardos acolleu esta mañá a visita da alcaldesa naronesa, Marián Ferreiro, e o concelleiro de Obras, Pablo Mauriz, para ver o avance das obras de mellora de accesibilidade na mesma situada na Gándara. Estas accións atópanse actualmente en execución e cofinanciadas pola administración provincial, e contan cun orzamento de 102.000 euros.

Moitos avances para un acceso universal

Entre as melloras de accesibilidade inclúese a ampliación do ancho das beirarrúas para garantir un itinerario peonil acorde á normativa vixente, tal e como indicou Ferreiro. A rúa Mugardos discurre paralela á estrada da Trincheira e ten dous sentidos de circulación, estando conectada coa citada estrada e coa rúa Ferrol.

“Trátase dun vial no que algunhas rampas e desniveis dificultaban o paso a persoas con mobilidade reducida, polo que se procedeu a derruir as anteriores beirarrúas para executar as novas, aplicando criterios de accesibilidade para repoñer de novo o aglomerado”, explicou a alcaldesa.

Soterramento de canalizacións para aforrar custos

Ademais, para aforrar custos innecesarios, aproveitáronse estas obras para instalar canalizacións soterradas de determinados servizos como o alumeado. Os traballos inclúen a maiores a recolocación de sumidoiros e a habilitación de prazas de estacionamento para persoas con mobilidade reducida e de pasos de peatóns coa súa correspondente sinalización.

“Dende o grupo de goberno continuamos traballando para facer desta cidade un Narón máis accesible, centrando unha parte importante do apartado de investimentos municipais a esta área”, recalcou Ferreiro, a cal aproveitou para lembrar a licitación de traballos de mellora de accesibilidade tamén na rúa da Paz, no Alto, e en edificios municipais, como o Centro Municipal de Formación Irmás Froilaz, na Gándara, e a continuación dos traballos nas Vivendas da Marina.

Salir de la versión móvil