Narón anima á veciñanza a achegar as súas propostas para catro novas normativas municipais

Trátase do regulamento para os centros comunitarios, unha ordenanza dos vaos e outra de seguridade viaria

O Concello de Narón abriu hoxe o prazo de presentación de suxestións a catro normas do Plan Normativo 2020 a través da plataforma municipal Narón Participa  na que as persoas que o desexen pode presentar ata o vindeiro 14 de xullo as súas propostas sobre os borradores elaborados e publicados.

A concelleira de Benestar Social, Catalina García, explicou que dende o goberno local continuan avanzando na área de Participación Cidadá, neste caso ofrecendo a posibilidade de que as persoas que o consideren oportuno realicen algunha proposta para estas catro normas xurídicas municipais antes de sometelas a aprobación definitiva no pleno do Concello.

Unha dos normas refírese ás modificacións no Regulamento dos centros comunitarios municipais e o Regulamento do Centro de día das Vivendas da Mariña, que deben ser adaptados aos cambios aplicados á normativa autonómica sobre as competencias deste tipo de instalacións antes de poder licitar o contrato de concesión do servizo de xestión, organización e funcionamento dos mesmos.

No mesmo proceso de tramitación na citada plataforma municipal está a ordenanza reguladora de expedición de licencias de vao e de reservas da vía pública para aparcamento exclusivo, parada de vehículos, carga e descarga de mercadorías de calquera clase. A aprobación de varias modificacións a nivel supramunicipal fai necesario incorporalas para adecuar esta norma ás necesidades e demandas da cidadanía tras constatar a súa viabilidade.

A última ordenanza en proceso de tramitación é a xeral municipal sobre tráfico, circulación de vehículos a motor e seguridade viaria, que se adecúa ás pautas da Dirección Xeral de Tráfico no referente tanto aos peóns e ciclistas como a vehículos de mobilidade persoal e, como novidade, do patinete eléctrico, trala súa irrupción no ámbito urbano e outros cambios lexislativos vencellados aos ciclistas.

No proceso de presentación das suxestións, tal e como recordou García, poden participar persoas maiores de 16 anos empadroadas en Narón e tamén as organizacións e asociacións legalmente constituídas e potencialmente afectadas.

Salir de la versión móvil