O Concello de Narón anunciou a celebración, o vindeiro sábado 18 de xullo, dunha nova edición da proposta “Noite no mosteiro”. O cenobio de San Martiño de Xuvia, no Couto, iluminarase no exterior cunha creación artística de varias cores, de 22.30 a 01.00 horas, ambientando un dos edificios relixiosos máis recoñecidos na cidade, declarado Ben de Interese Cultural (BIC) e ubicado nun tramo do Camiño Inglés e o Camiño de San Andrés.
A maiores, nese mesmo horario haberá un concerto de acompañamento tamén no exterior do mosteiro (na zona traseira dos ábsides) do grupo de música clásica “The Duelist”, de violín e chelo. “O concerto constará de tres pases de aproximadamente vinte minutos de duración cada un deles, cunha pausa de dez minutos entre os tres, e será obrigatorio acudir con máscara, dando así cumprimento ás recomendacións sanitarias pola crise da Covid-19”, explicou a edil de turismo Natalia Hermida.
O acceso á zona estará permitido a partir das 22.00 horas e haberá un protocolo coa sinalización correspondente adaptado ás circunstancias actuais.