A concellería de Transportes de Narón remitiu un escrito á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e á de Infraestruturas e Mobilidade solicitando a reparación de marquesiñas nas estradas de Cedeira -AC-566- e Valdoviño -por San Mateo e O Val- -AC-116- ao seu paso polo termo municipal.
11 paradas sen marquesiñas
A maiores, no documento remitido cun informe redactado pola Policía Local, demándase a instalación de marquesiñas en varias paradas de transporte público localizadas no citado vial e que carecen das mesmas.
A edil naronesa encargada da área mencionada, Mar Gómmez, explicou que na AC-566, en dirección cara a Cedeira sería preciso instalar marquesiñas nas paradas ubicadas nos puntos quilométricos 1,900; 2,600 e 4,300, se ben no sentido contrario, de Cedeira a Ferrol, precisaríanse nas paradas dos puntos 0,700 e 1,900.
En canto á estrada AC-166, de Narón a Valdoviño por San Mateo e O Val, dende o Concello solicítase a instalación de marquesiñas nos puntos quilométricos 4; 4,800; 6,500 e 7 en dirección cara a Valdoviño e nos 2 e 6,900 dende Valdoviño cara a Narón.
«Estas once paradas non teñen marquesiña, co problema que supón para as usuarias e usuarios do servizo de transporte público, que carecen dun espazo donde poder sentarse e resgardarse en caso de choiva mentres esperan o autobús ou cando se baixan del», indicou Gómez.
En canto ás demandas realizadas á Xunta, a edil de Transporte incidiu no mal estado de conservación no que se atopan tamén marquesiñas localizadas na estrada de Cedeira, así como outras moi mal ubicadas que supoñen un gran problema para aquelas persoas con movilidade reducida.
«A Xunta debe facerse cargo do mantemento destas instalacións e ubicalas en todas as paradas de transporte público para atender correctamente o servizo que se está prestando ás usuarias e usuarios», recalcou a edil, que trasladou á Xunta as numerosas queixas formuladas ao respecto e urxiu unha solución a estes problemas sobre os que xa se informou en anteriores ocasións.