Narón destinará 142.000 euros a expropiacións para urbanizar viais na Gándara

O pleno celebrado onte tamén aprobou as inversións de máis de 350.000 euros para o saneamento do Couto e San Mateo

O Concello aprobou no pleno celebrado esta mañá o proxecto de expropiación dos terreos necesarios para urbanizar parcialmente as rúas Cataluña, Celso Emilio Ferreiro e de nova apertura —A. Alvajar e M. Araújo—, na zona da Gándara. Este proxecto, aprobado por todos os edís da corporación excepto os do PP, que se abstiveron, contempla un investimento de 142.585 euros para expropiar unha superficie duns 2.000 metros cadrados de nove parcelas ubicadas na zona.

O proxecto de expropiación permanecerá un mes a exposición pública e os titulares dos bens recibirán unha notificación individualizada. O concelleiro de Urbanismo, Manuel Ramos, explicou que o proxecto previsto “permitirá mellorar as comunicacións nesa zona da cidade e incrementar o espazo destinado a zonas verdes”.

Na sesión plenaria avanzouse tamén no contrato de xestión, organización e funcionamento dos Centros Comunitarios das Vivendas da Mariña e Manuela Pérez Sequeiros. O actual contrato do Concello coa empresa adxudicataria dos servizos precisa dunha nova licitación, ao rematar a vixencia da anterior. O novo contrato, tal e como indicou o portavoz de TEGA, Román Romero, licitarase por un importe de 1,12 millóns de euros e terá unha duración de cinco anos, estando previsto inicialo en decembro de 2020 e sen contemplarse prórrogas.

Inversións con cargo ao POS+

A corporación local aprobou por unanimidade varios puntos da orde do día do pleno. Dous deles foron as ratificacións da participación do Concello no POS+ Adicional 2020 da Deputación da Coruña. No primeiro deles recóllese  un investimento de 97.307 euros para a adquisición de medios de prevención (EPIs); asistencia técnica a colectivos vulnerables e, a maior parte desa partida, 90.000 euros, a reforzar as axudas destinadas a cubrir as necesidades básicas das familias que se atopan nunha situación económica-social desfavorable. No segundo punto relativo ao Plan provincial contémplanse as obras para ampliar a rede de saneamento no Couto -249.146 euros- e para ampliar o local social de San Mateo -88.317 euros-. O portavoz do PSOE, David Pita, defendeu neste punto a importancia da colaboración que mantén a administración provincial cos municipios.

Unanimidade tamén na corporación para aprobar un convenio de colaboración co veciño Concello de San Sadurniño que permitirá unha cooperación entre ambos municipios para prestar o servizo de saneamento nun núcleo de vivendas localizado no lugar de A Portela, en Pedroso, colindantes co concello de San Sadurniño. O Concello naronés realizará unha obra complementaria de conexión ás redes municipais de San Sadurniño para poder utilizar o sistema de depuración desta última localidade e o acceso provinte da estación de tratamento de auga potable dende a súa rede.

Moción de apoio a Alcoa

Fóra da orde do día aprobouse unha moción do BNG –co voto a favor dos edís de TEGA- instando á Xunta a demandar do Goberno central a intervención da empresa Alcoa para retornala ao ámbito público, nacionalizándoa para manter os postos de traballo e garantir o futuro de toda a comarca da Mariña; posibilitar unha tarifa eléctrica galega e poñer en funcionamento o Estatuto do Consumidor Electrointensivo. Os nacionalistas tamén presentaron unha moción urxente, aprobada con todos os votos menos os dos edís populares, instando á Xunta a reabrir canto antes  os centros de día con todas as garantías e protocolos sanitarios precisos e reforzando o persoal se é necesario.

TEGA e PSOE presentaron unha moción instando á Xunta a transferir aos concellos galegos e ás catro Deputacións provinciais recursos a través dun Fondo Extraordinario de Respaldo para a reconstrucción social de Galicia pola Covid-19, por un importe global de 300 millóns de euros e distribuído según criterios acordados na Fegamp. A moción aprobouse con todos os votos a favor excepto os dos edís do Partido Popular.

A corporación local tamén respaldou unha declaración institucional do Concello polo Día Mundial do Orgullo LGTBI, solicitando ás administracións supramunicipais e outros organismos o cumprimento dunha serie de accións e medidas a prol da igualdade, a aprobación dunha lei estatal… ao tempo que o propio Concello manterá os seus compromisos en defensa dos dereitos do colectivo.

Salir de la versión móvil