O Concello de Narón pediu aos servizos técnicos municipais o estudo da viabilidade de incorporar unha serie de melloras á actual Ordenanza municipal reguladora das terrazas dos locais de hostalería. O goberno local quere estudar medidas como facilitar a ubicación das terrazas para tratar de reactivar o traballo da hostalería naronesa, que poderá abrir a partir do próximo luns día 11.
“A ampliación dos actuais requisitos para poder instalar terrazas nos diferentes establecementos de hostalería consideramos que podería supoñer un impulso para os negocios, polo que é preciso estudar en que condicións se poderían ampliar para contemplar novas posibilidades no caso de homologacións, modalidades de ocupación e instalación e outras opcións”, avanzou a alcaldesa Marián Ferreiro.
Ao mesmo tempo que se estudan esas novas opcións de cambios na normativa, dende o Concello de Narón xa se anunciara que non se cobrará a correspondente taxa pola utilización do solo para este fin dende que se decretou o estado de alarma, o pasado 14 de marzo.