A concellería de Formación de Narón adiantou esta mañá que nos vindeiros días entregaranse os diplomas correspondentes a catro cursos do Programa de Formación Municipal: Prevención de riscos laborais -nivel básico-, Prevención de Riscos Laborais no sector naval e Medio ambiente Naval, Operador/a carretilleiro/a e operador/a PEMP -UNE- e Prevención de riscos laborais para traballos en altura e en espazos confinados.
«En total, serán 53 as persoas que reciban os seus diplomas por rematar con éxito estas accións formativas, que se impartiron entre os meses de xullo e agosto e que, en conxunto, suman casi 200 horas de formación”, asegurou a edil responsable, Natalia Hermida.
Entrega de diplomas individualizada
A edil naronesa explicou que debido á actual situación de alerta sanitaria pola Covid-19 a entrega institucional dos diplomas non se fará de maneira conxunta. Porén, dende o Centro Municipal de Formación avisarase ao alumnado para informalo e posteriormente estes poidan pasar a recollelos nas citadas instalacións da Gándara, a donde deberán acudir con máscara e cumprindo todas as medidas sanitarias de prevención do coronavirus.
Un total de 11 persoas recibirán o diploma do curso de «Prevención de riscos laborais -nivel básico-, 16 o de Prevención de Riscos Laborais no sector naval e Medio Ambiente no naval, 12 o de Operador/a carretilleiro/a e operador/a PEMP -UNE- e xa os 14 restantes o de Prevención de riscos laborais para traballos en altura e en espazos confinados.