Naron implanta restricións nos cemiterios para Todos os Santos e Defuntos

Só se permitirá o acceso en grupos dun máximo de catro persoas para evitar aglomeracións
O-Alto
PUBLICIDAD

A alcaldesa, Marián Ferreiro, mantivo esta mañá unha nova xuntanza con responsables do Speis para determinar as medidas que se aplicarán a instalacións e servizos municipais, entre elas aos camposantos localizados no termo municipal con motivo das festividades de Todos os Santos e Defuntos, os vindeiros 1 e 2 de novembro para evitar posibles riscos de transmisión da Covid-19. A maiores do cemiterio municipal, estas indicacións estarán en vigor nos de San Xosé Obreiro, O Cadaval, O Couto, Santa Icía, Santa Rita, San Xiao, San Mateo, Castro, O Val, Sedes, Pedroso e Doso.

As persoas que se acheguen aos camposantos terán que seguir unha serie de indicacións debido á actual situación sanitaria, co fin de dar cumprimento a todas as medidas decretadas polas autoridades sanitarias. “Dende o Concello apelamos á responsabilidade individual para colaborar no control desta pandemia, cunhas cifras que empeoran día a día a nivel xeral no país e na comarca en particular, debendo contribuír todas e todos para que poidan ir mellorando eses datos”, asegurou a rexedora local.

En canto ás medidas, haberá que evitar as aglomeracións nos camposantos, tanto no interior como no exterior dos recintos, polo que se limita o acceso en grupos a un máximo de catro persoas –sexan ou non convivintes- e recomendando entrar unha soa persoa ou dúas en caso de que se acompañe a alguén con problemas de mobilidade. Así mesmo, recoméndase ás persoas maiores de 60 anos que acudan a primeira hora da mañá ou da tarde para evitar aglomeracións. Unha vez dentro do camposanto solicítase que camiñen pola marxe dereita, para que a circulación sexa fluída e manter as distancias de seguridade interpersoal.

As indicacións realizadas, recordou Ferreiro, afectan tamén ao tempo máximo de permanencia nos camposantos, que non deberá exceder os trinta minutos, e ao emprego de elementos como basoiras, botellas, caldeiros… “O recomendable ante a situación que vivimos é que cada persoa leve da súa casa o material que precise, evitando deste xeito manipular o que habitualmente era de uso común para así extremar as medidas de seguridade”, indicou.

Os aseos dos camposantos permanecerán pechados para evitar posibles focos de contaxio da Covid-19, dando así cumprimento ás recomendacións recollidas na Orde de 21 de outubro de 2020 da Xunta de Galicia.

PUBLICIDAD
Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.