Narón inicia unha campaña de recollida de alimentos para as familias máis vulnerables

Unha docena de establecementos colaborarán instalando puntos de recollida para os clientes que desexen colaborar

O Concello de Narón iniciará mañá luns unha campaña de doazón de alimentos e produtos de hixiene na cidade. A alcaldesa, Marián Ferreiro, explicou que esta iniciativa se levará a cabo coa colaboración de diferentes establecementos de alimentación e persoal voluntario de Protección Civil.

As persoas que poidan contribuír na campaña, que se desenvolverá desde mañá ata o vindeiro sábado, día 9 (incluído) poden realizar doazóns nos supermercados das cooperativas do Val (no Val e en Xuvia) e Meirás (San Mateo), nos Covirán de Xuvia e O Alto, no Dia do Ponto, xunto aos Froiz de Freixeiro, Santa Icía, A Gándara e o Centro Comercial Narón, nos Gadis da estrada de Cedeira e Santa Icía, no Familia de Santa Icía e no Eroski da Gándara.

Entre as 10.00 e as 14.00 horas persoal voluntario de Protección Civil estará debidamente identificado nestes establecementos para informar ás veciñas e veciños dos alimentos e produtos de hixiene que máis demanda teñen en cada momento.

 

Salir de la versión móvil