Narón intensificará os controis policiais para erradicar os vertedoiros incontrolados

Os últimos en proliferar foron os de San Mateo e no Val onde se atoparon dende televisores ata frigoríficos

Axentes da Policía Local de Narón intensificarán os controis que habitualmente se realizan no termo municipal para erradicar a proliferación de vertedoiros incontrolados, localizados maioritariamente na zona rural. O Concello anunciou esta medida tras detectarse nas últimas semanas novos puntos ilegais donde se depositaron diferentes materiais e enseres, algúns dos cales xa se limparon e outros que se está procedendo a limpar.

O departamento de Medio Ambiente fixo recentemente un traballo de mapeo para detectar puntos de vertedeiros incontrolados e posteriormente organizáronse saídas para retirar e clasificar os residuos que se atoparon e levalos a un xestor autorizado. Nos últimos vertedoiros incontrolados localizados en San Mateo e no Val atopáronse varias televisións, arcóns conxeladores, mobiliario, pezas metálicas de gran tamaño, entullos de obras e outros materiais.

“Nalgún caso, ao agravante de depositalo nas inmediacións de pistas rurais, atopamos un caso no que os residuos estaban directamente nun regato, concretamente no Vespasante, tupindo a canalización que discurría baixo a propia pista, co risco que isto supón a nivel medioambiental e de seguridade”, recalcou o edil do área Santiago Galego.

A ordenanza en vigor no Concello contempla sancións de ata 3.000 euros para os casos calificados como “moi graves”, que valora a Policía de Medio Ambiente, pero aqueles que se tramiten a través da lei autonómica de residuos, os expedientes remítense á Xunta de Galicia –ao non ser competencia municipal- e as sancións poden superar os 30.000 euros.

O Concello recorda que ten a disposición da veciñanza as instalacións do Punto Limpo municipal de Río do Pozo (operativo de luns a venres, en horario de 9.00 a 13.00 e dende as 16.00 ata as 19.00 horas e os sábados de 9.00 a 14.00) e tamén Servizo de recollida de enseres, co que se pode concertar a recollida chamando ao número de teléfono: 981 391 074.

Salir de la versión móvil