A Comisión de Facenda do Concello de Narón deu luz verde a unha modificación de crédito na que se inclúen 574.056 euros –dun total de 822.520 euros para outras actuacións- destinados ao proxecto de acondicionamento exterior do ámbito do Plan Especial de Dotacións en Freixeiro. A alcaldesa, Marián Ferreiro, recordou que esta actuación se enmarca no convenio de cooperación que no seu día subscribiron o Concello e o Servizo Galego de Saúde para executar as obras de construción do novo centro de saúde, actualmente en marcha.
O goberno local destinará esa partida á materialización dos traballos como accesos rodados e peonís, abastecemento, saneamento, alumeado, subministro eléctrico ou un aparcamento de 52 plazas, cuxo proxecto xa está redactado e unha vez adxudicado terá un prazo de execución de catro meses, tal e como indicou a alcaldesa.
“A través deste proxecto definimos as obras necesarias para urbanizar o vial do Camiño do Lodairo, un vial secundario que dá acceso ao novo centro de saúde e tamén a varias vivendas ubicadas na zona a través da estrada de Castela”, explicou Ferreiro. O proxecto contempla a ampliación do Camiño do Lodairo, acondicionándoo con dous carrís de tres metros de ancho e tamén beirarrúas de máis de tres metros para o tránsito peonil, tal e como avanzou a alcaldesa.
O Concello de Narón cumpre así o último dos compromisos acadados co Servizo Galego de Saúde para materializar as obras do novo centro de saúde, tras realizar tres pagos que en conxunto supuxeron un desembolso de 1.460.353 euros e tamén ceder a parcela de algo máis de 6.000 metros cadrados na que se constrúen as novas instalacións.