Mantense aberto o prazo de inscrición en tres cursos en liña para o emprendemento organizados polo Concello naronés e subvencionados pola administración autonómica -en colaboración coa Rede Eusumo de Galicia- e o Fondo Social Europeo: «Emprendemento cooperativo», «Cultura financieira” e «Plan de empresa».
Trátase de accións formativas dirixidas a público xeral pero nas que terán prioridade á hora de concesión das prazas -hai dispoñibles trinta para cada un deles- as mulleres, as persoas desempregadas, en risco de exclusión social ou vencelladas á economía social, tal e como avanzou o edil de Promoción Económica, David Pita.
Tres cursos de formación empresariais
O curso «Aprender a emprender. Formación para o Emprendemento cooperativo», terá lugar entre o 15 de setembro e o 13 de outubro. «Cultura financieira e finanzas éticas para o emprendemento», impartirase do 22 de setembro ao 19 de outubro, e o terceiro, «Como elaborar un Plan de Empresa cooperativa», entre o 29 de setembro e o 27 de outubro.
O edil naronés explicou que cada unha destas accións terá 60 horas de formación a través das que o alumnado poderá aprender, segundo o curso elixido, a construír unha empresa por réxime de cooperativa, coñecer as súas características e potencialidades, a toma de decisión a nivel económico e a elaboración dun plan de empresa.
As persoas interesadas en inscribirse poden consultar toda a información no enlace: cursosnaron.formacionenrede.com.