Narón oferta sesións de ioga e pilates ao aire libre nos meses de xullo e agosto

As actividades desenvolveranse no parque fluvial do río Freixeiro e no paseo marítimo de Xuvia

O Concello de Narón convocará este verán, a través do Padroado de Deportes, dúas actividades ao aire libre: ioga e pilates. As sesións desenvolveranse na zona do parque fluvial do río Freixeiro e no paseo marítimo de Xuvia e están pensadas para persoas maiores de 16 anos. Terán lugar dende o 1 de xullo ata o 31 de agosto e será preciso dispoñer de grupos mínimos de sete persoas para poder organizar as actividades, que terán un máximo de quince participantes. En caso de choiva as sesións levaranse a cabo no complexo polideportivo da Gándara.

As sesións previstas serán de luns a xoves entre as 10.00 e as 11.00 horas, celebrándose as de pilates os luns e mércores no parque de Freixeiro e os martes e xoves no paseo de Xuvia e as de ioga os martes e xoves en Freixeiro e os luns e mércores en Xuvia. O prezo das actividades é de 11,10 euros ao mes para ioga e de 17,35 euros ao mes para pilates, se ben as persoas maiores de 65 anos ou pensionistas pagarán 12,15 euros ao mes no caso das clases de pilates. Os participantes deberán aportar o material preciso (colchoneta, esterilla, toalla…).

As persoas interesadas en preinscribirse poden facelo dende o vindeiro luns, día 15, ata o 23 de xuño chamando aos números de teléfono 981 337 700 (extensión 2503) ou 981 111 025 (extensión 7), de luns a venres en horario de 08.30 a 13.30.

Salir de la versión móvil