O Concello de Narón reforzou na última semana os traballos de hixienización e desinfección nas residencias de maiores da nosa Señora dos Desamparados, en Piñeiros, e DomusVi, no Alto. “Trátase de zonas consideradas de especial vulnerabilidade, ao residir persoas maiores catalogadas como grupos de risco, e nas que é necesario desinfectar a fondo as zonas comúns e grandes espazos co fin de baixar a posible carga vírica no interior destes centros”, asegurou a alcaldesa Marián Ferreiro.
O persoal da quenda de garda do Speis é o encargado de realizar este traballo desde os primeiros días, con equipos de protección individualizada e protección respiratoria integral. Para este traballo empregan unha disolución de auga e hipoclorito sódico e posteriormente realizan unha medición de gases para comprobar que a zona queda totalmente controlada.
A alcaldesa anunciou que o Concello dispón na actualidade dun segundo canón de ozono portátil profesional para traballar en grandes espazos. O equipo permite reducir considerablemente o tempo de realización desta tarefa e está indicado, apuntou, para efectuar tratamentos de choque en espazos interiores, que deberán estar sen persoas no interior e que require dunha ventilación posterior.
Ferreiro avanzou tamén que atendendo ás indicacións realizadas pola Consellería de Sanidade debido á alerta ocasionada polo coronavirus, colocaranse en todas as fontes públicas da cidade uns carteis advertindo que se desaconsella o consumo da auga destas fontes, ao non poder garantirse ao cento por cento a súa desinfección.
Un foco de contaxios
Os contagios por coronavirus en residencias de maiores aumentaron nas últimas horas en Galicia, segundo a Xunta. A Consellería de Política Social comunicou onte que o centro máis afectado na comarca é o de As Fragas, en Pontedeume, que rexistrou dous novos casos e xa ten 4 en total.
A residencia San José, en Narón, e a Suacasa, de San Sadurniño, mantéñense cunha persoa afectada en cada unha delas. En centros de persoas con discapacidade, hai dous casos, correspondentes a traballadores desas instalacións. Son o Souto de Leixa e o Coral Seoane, ambos en Ferrol.
Discussion about this post