Narón volve respaldar ás entidades locais no Día Mundial da Saúde Mental

A alcaldesa, Marián Ferreiro, recalcou o apoio que se presta dende o goberno local a entidades como Saúde Mental Ferrol, Eume e Ortegal, coa que se asina anualmente un convenio de colaboración
R.P. Día Mundial da Saúde Mental

O Día Mundial da Saúde Mental conmemórase mañá 10 de outubro. Con motivo desta data, dende o Concello de Narón amosouse publicamente un ano máis o respaldo ás persoas que padecen este trastorno e ás súas familias. A alcaldesa, Marián Ferreiro, e o edil de Sanidade, Santiago Galego, participaron nunha rolda de prensa á que tamén asistiron Félix Pena, presidente da asociación Saúde Mental Ferrol, Eume e Ortegal, Jose Manuel Mauriz, usuario da entidade, e Antonio Núñez, xefe do Servizo de Psiquiatría da Área Sanitaria de Ferrol. “Salud mental y bienestar, una prioridad global” é o lema da campaña deste ano, que debido á situación sanitaria se desenvolverá dun xeito diferente.

A alcaldesa recalcou o apoio que se presta dende o goberno local a entidades como Saúde Mental Ferrol, Eume e Ortegal, coa que se asina anualmente un convenio de colaboración para ofrecer os seus servizos á cidadanía nesta área. “É fundamental a atención sanitaria e psicolóxica ás persoas con problemas de saúde mental, colectivo co que temos que continuar traballando día a día para lograr a súa plena inserción social e garantir o seu benestar, poñendo á súa disposición dende as administracións todos os recursos que estean na nosa man”.

O presidente da asociación Saúde Mental Ferrol, Eume e Ortegal asegurou que é preciso “levar a cabo campañas informativas, de sensibilización e reivindicación dos dereitos das persoas con problemas de saúde mental” e recalcou que “todas as persoas deben ter acceso a servizos públicos de saúde mental de calidade”. En canto ás prioridades en materia de actuación na actual situación de pandemia, Félix Pena enumerou a necesidade de asegurar a atención en saúde mental, construír servizos de saúde mental do futuro e acadar un compromiso firme a prol da saúde e o benestar.

Na convocatoria desta mañá o xefe do Servizo de Psiquiatría da Área Sanitaria de Ferrol, Antonio Núñez, indicou que “a saúde mental é unha das áreas máis desatendidas dende a saúde pública e o Día Mundial da Saúde Mental representa unha oportunidade para reclamar e  impulsar un incremento a gran escala de investimentos en materia de saúde mental”. Núñez asegurou que “no momento actual engádense as repercusións asociadas en ocasións adicionais á Covid-19 e tanto os profesionais como as familias e a sociedade en xeral temos que poñer de manifesto a necesidade de impulsar e incrementar o investimento en saúde mental”.

Marián Ferreiro e Santiago Galego incidiron no apoio do goberno local á asociación Saúde Mental Ferrol, Eume e Ortegal e animáronos a continuar traballando para que as persoas con problemas de saúde mental poidan ter día a día unha mellor calidade de vida e se integren plenamente na sociedade, ofrecendo a colaboración posible da administración local para acadar este obxectivo.

Publicidad
Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.