Narón xestionará o saneamento dalgunhas vivendas limítrofes de Valdoviño

Ambos concellos firmaron hoxe un convenio para a prestación deste servizo de evacuación e tratamento das augas residuais
Marián Ferreiro e Alberto González

A alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, e o alcalde de Valdoviño, Alberto González, asinaron esta mañá no Concello naronés un convenio de colaboración entre ambas administracións para a prestación do servizo de evacuación e tratamento das augas residuais nun núcleo de vivendas ubicadas en Valdoviño, nas proximidades dos límites territoriais fixados entre os dous concellos. Ferreiro indicou que a empresa mixta concesionaria deste servizo na cidade, Cosma, prestará o servizo aos propietarios e propietarias desas vivendas situadas no termo municipal limítrofe de Valdoviño.

Pola súa banda, tal e como apuntou González, o Concello valdoviñés remitirá unha relación dos inmobles, vivendas e particulares que se poidan acoller a este convenio e interesados na prestación deste servizo, tal e como constará nun documento asinado polos afectados. Estes últimos, á súa vez, deberán aboar ao Concello de Valdoviño os custes derivados das obras de acometida e actuacións materiais que se requiran e as tarifas pola prestación do servizo, recibindo a empresa Cosma as pertinentes liquidacións desas tarifas.

No convenio asinado esta mañá recóllese tamén que Narón implantará e manterá o servizo nos inmobles a través da exclusiva execución das acometidas nos lugares nos que previamente existe a rede, dentro do seu termo municipal.

Marián Ferreiro e Alberto González coincidiron en destacar a importancia deste acordo de colaboración entre as administracións, en canto que “permitirá ofrecer un servizo a través das redes de saneamento e abastecemento pertencentes ás redes municipais de Narón a un conxunto de vivendas que carecían do mesmo e a outras que se poidan construír na zona nun futuro, realizando acometidas ou pequenas ampliacións da rede ata os colectores”.

Os rexedores de Narón e Valdoviño subliñaron a importancia da colaboración entre administracións para, como neste caso, realizar actuacións que redunden en beneficio das súas veciñas e veciños e, ao mesmo tempo, optimizar recursos.

 

PUBLICIDAD
Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.