O antigo muíño de Xuvia volverá a recuperar o seu esplendor gracias ao proxecto de rehabilitación que se acaba de licitar por un importe de 1.307.842,39 euros. Trátase dunha actuación cofinanciada polo Fondo Europeo de Desarrollo Regional (FEDER) no marco do programa operativo Feder 2014-2020 e enmarcado na Estrategia de Desarrollo Urbano Sostenible e integrado EDUSI “Ría de Ferrol, Cidade 2020”, pola Deputación da Coruña e o Concello.
As empresas interesadas en presentar as súas propostas poden facelo a través da Sede Electrónica do Concello de Narón ata o vindeiro 7 de xullo ás 23.59 horas. “É unha das actuacións máis importantes na área de Obras proxectadas para este mandato, xa que fará posible recuperar un dos edificios máis emblemáticos do noso concello e cun destacado valor histórico e patrimonial”, asegurou a alcaldesa Marián Ferreiro.
O muíño de Xuvia, propiedade do Concello, foi obxecto dunha intervención no ano 2009 que permitiu recuperar as estruturas de madeira da cuberta e colocarlle tella cerámica, ao tempo que se consolidaron os muros exteriores da construción. O proxecto que se iniciará nos próximos meses aposta por restauralo dun xeito acorde ao seu estado inicial, como enxeño industrial, tal e como se recolle no proxecto.
Elementos únicos e orixinais
O complexo fabril do século XVIII consta dun conxunto de edificacións localizadas na desembocadura do río Xuvia. “Dende o Concello queremos reconstruír eses edificios que forman o complexo, reutilizando como museo e espazo didáctico para impulsar a posta en valor deste muíño”, avanzou Ferreiro. Ao mesmo tempo, “habilitaremos unha serie de espazos multiuso para amosar o patrimonio municipal entre residentes e visitantes e contemplando a posibilidade de poder realizar actividades diversas”, indicou.
Os traballos realizaranse reutilizando os materiais procedentes da demolición, restaurando os elementos existentes na medida do posible e apostando pola implantación de medidas de eficiencia enerxética. “Restaurarase o muíño para devolvelo ao seu estado orixinario, incluíndo os elementos que no seu día permitiron que se convertise no no ano 1858 no principal muíño do país en capacidade de produción na súa clase, recibindo trigo que se transportaba en barcos procedentes do Báltico, América e que tamén moveu unha fábrica de papel, unha de tecidos e outra de laminados de cobre”, recordou Ferreiro.
Na zona de vivendas, “retiraranse tabiques para destinar a planta baixa a museo e a superior a un espazo polivalente no que poder organizar obradoiros, exposicións e o antigo almacén de sal será a parte reservada á recepción dos visitantes e punto de información e exposición de produtos artesáns”. Estes tres elementos estarán articulados a través do patio, que se cubrirá cunha estructura de vidro. Este proxecto ten un prazo de execución dun ano, polo que a finais do vindeiro verán terá recuperado o seu máximo esplendor.