O Concello de Narón destina unha partida de 952.285 euros á execución de varias obras na zona urbana e rural da cidade. Así o anunciou a alcaldesa, Marián Ferreiro, que explicou que con cargo a estas obras do POS+ Adicional 2019 se mellorará o estado do firme de camiños da zona rural, se dotará de saneamento a algo máis de 70 vivendas de Ferrerías-Prados e, a maiores, se mellorará a accesibilidade nas rúas da Paz e Mugardos. Todas as obras están actualmente en proceso de licitación, tal e como asegurou, na Sede Electrónica do Concello.
A alcaldesa indicou que no que respecta á zona rural, procederase a reforzar a rodadura en camiños de varias parroquias. Trátase dunha intervención, apuntou, orzamentada en 241.402 euros que se levará a cabo nun total de vinte e catro camiños que urxen melloras na rodadura e plataforma. “A intervención, que tamén leva implícita a limpeza de cunetas e noiros, contempla a maiores o acondicionamento dos accesos aos centros cívicos sociais das parroquias de Sedes e San Xiao e ao campo de fútbol de San Mateo”, avanzou Ferreiro. Os camiños que se repavimentarán localízanse nas parroquias de Doso, Pedroso, Sedes, San Xiao, Castro, O Val, San Mateo e Piñeiros.
O Concello licitou a maiores o proxecto de ampliación da rede de saneamento na zona de Ferrerías-Prados, unha actuación que suporá un investimento, según apuntou a alcaldesa, de 554.236 euros. “A través destas obras ofrecerase o servizo a un total de 72 vivendas, podendo ampliar a cifra potencialmente ata as 97”, asegurou.
En materia de melloras de accesibilidade tamén se licitaron dúas actuacións, nas rúas Mugardos e da Paz. No primeiro dos casos trátase dunha intervención orzamentada en 102.198 euros que permitirá mellorar a accesibilidade e ampliar as beirarrúas deste vial, lateral da estrada da Trincheira. En canto á rúa da Paz, os traballos suporán un investimento de 54.449 euros e “a maiores de demoler as beirarrúas existentes e construír unhas novas e tamén recolocar sumideiros e soterrar a canalización de alumeado, como no caso da rúa Mugardos, habilitaranse pasos de peatóns”, apuntou a alcaldesa.
Discussion about this post