O Concello de Narón oferta un curso para desempregados sobre limpeza industrial

Desenvolverase entre o 11 de marzo e o 5 de xuño no centro municipal de formación

O Concello de Narón convoca un curso de Limpeza industrial para o que abrirá mañá mércores o prazo de inscrición. A concelleira de Formación, Natalia Hermida, explicou que se ofertan un total de quince prazas, dirixidas a persoas maiores de 18 anos, desempregadas e empadroadas en Narón, que non deben ter concedido outro curso do Programa Municipal de Formación coincidente temporalmente nas datas de realización. As persoas interesadas en inscribirse deben facelo dende mañá ás 08.30 horas ata o 4 de marzo ás 13.30 horas, no Rexistro Xeral do Concello ou na Sede Electrónica.

A duración total do curso é de 290 horas, das que 100 serán para realizar prácticas non profesionais en empresas. O Centro Municipal de Formación Irmás Froilaz, na Gándara, acollerá a convocatoria, entre o 11 de marzo e o 5 de xuño deste ano. As clases desenvolveranse de luns a venres, entre as 09.00 e as 14.00 horas e as prácticas nas empresas no horario que determinen (cinco horas ao día).

As persoas que realicen o curso abordarán temas como a Análise do sector; Empresas, especialidades e ocupacións, Produtos de limpeza, Técnicas xerais de limpeza industrial, Maquinaria empregada na limpeza industrial, Normas de prevención de riscos laborais e ambientais, Normas de utilización e seguridade na manipulación de produtos tóxicos e Actuacións ante situacións de emerxencia. A maiores, acudirán a módulos transversais sobre a perspectiva de xénero, sobre a orientación laboral e busca de emprego e a sensibilización medioambiental.

Salir de la versión móvil