O Concello de Narón retomou a atención presencial no consistorio sen cita previa, atendendo a un protocolo deseñado para eliminar o sistema habilitado con motivo da crise da Covid-19 e establecendo un aforo limitado de acceso ao inmoble. “A mellora da situación sanitaria na área de Ferrol permítenos establecer novas medidas organizativas para, pouco a pouco, retomar actividade normal na administración en canto á atención ás nosas veciñas e veciños, mantendo en todo momento as medidas de seguridade que decreten as autoridades competentes”, explicou a alcaldesa Marián Ferreiro.
O aforo estará controlado en todo momento pola Policía Local, para evitar aglomeracións de persoas no interior do edificio. As persoas que accedan sen cita previa deberán facilitar os seus datos no momento de acceder ao Concello, unha das medidas contempladas no protocolo establecido polo Speis de Narón, para así ter un maior control de cada unha delas en caso de que fose preciso localizalas.
“Ao igual que viñemos facendo ata agora priorizaremos en todo momento a seguridade das persoas e iremos ampliando o aforo para entrar no Concello se a evolución da pandemia o permite, polo que pedimos á cidadanía a máxima colaboración e atención a cada unha das indicacións que lle dará o persoal municipal”, apuntou a alcaldesa.
Ferreiro valorou o traballo realizado polo persoal do Concello incidindo no feito de que “dende o pasado mes de maio seguindo os protocolos establecidos en cada caso, puidemos reabrir o Concello cunhas medidas de seguridade e control moi exhaustivas que nos permitiron retomar a atención presencial».