O Concello anunciou hoxe o inicio dunha campaña dirixida ao comercio local, centrada na reactivación do sector nos actuais tempos de crise sanitaria. A alcaldesa, Marián Ferreiro, e o concelleiro de Promoción Económica, David Pita, presentaron a imaxe da campaña, o merchandising e o primeiro vídeo promocional xunto con Mariá Yáñez e Vanesa Maseda, presidenta e vicepresidenta, respectivamente, da Asociación de Comerciantes de Narón (ACN).
A campaña deseñouse atendendo ás necesidades que plantexaron os propios comerciantes, que amosaron o seu interese en adherirse á mesma. Ferreiro anunciou que “Merca en Narón. Facemos cidade” é o lema desta campaña para fomentar as compras no comercio de proximidade e anunciou que a partir desta fin de semana se comezarán a identificar os comercios participantes, con 1.000 carteis; 5.000 pegatinas e donde se repartirán 5.000 bolsas de compra reutilizables, dispoñendo tamén de dous photocalls. A maiores, co fin de dar difusión, dende hoxe mesmo poderase ver no Facebook do Concello –a partir das 14.00 horas- e a través das diferentes redes sociais e a web da Asociación de Comerciantes de Narón o primeiro dos tres vídeos promocionais da campaña.
“Para poder levar a cabo esta campaña estívose realizando un traballo de campo previo, analizando máis de 160 establecementos comerciais da cidade para coñecer de primeira man a situación do pequeno comercio”, explicou Ferreiro. Nese traballo analizáronse cuestións vencelladas aos profesionais que atenden os establecementos e tamén da actividade de cada un deles, a situación actual e o papel das administracións públicas na resposta ante a Covid-19, así como o grao de dixitalización no sector. “Nesas enquisas quedou patente a predisposición do sector, moi heteroxéneo, a traballar conxuntamente na implantación de medidas encamiñadas a axudar ao pequeno comercio e que se irán poñendo en marcha paulatinamente”, apuntou Ferreiro.
Así mesmo, o concelleiro de Promoción Económica destacou o traballo realizado conxuntamente co sector para “atraer clientela e dar maior visibilidade aos seus negocios a través dunha web que habilitaron dende a Asociación de Comerciantes de Narón: www.mercaennaron.es, unha excelente ferramenta nestes tempos para vender e promocionarse”.
A presidenta da Asociación de Comerciantes de Narón animou ás empresas, autónomos e pymes da cidade a sumarse a esta plataforma dixital para poder vender os seus produtos e promocionar os seus negocios. “A xente non ten que ir a outro concello a mercar porque en Narón hai de todo”, recalcou Yáñez.
Os responsables de establecementos comerciais da cidade que non estean asociados á ACN poderán tamén dispoñer deste material promocional, debendo solicitalo no Concello –no entrechán-.
A alcaldesa e o edil de Promoción Económica destacaron a importancia desta campaña e animaron á cidadanía a realizar as súas compras nos comercios locais “cunha atención persoalizada e unha gran variedade de produtos de calidade”.