O Pazo da Cultura de Narón acollerá os campamentos de verán para nenos de entre 3 e 12 anos

Haberá oito quendas entre o 6 de xullo e 28 de agosto e os grupos repartiranse por idades

I

O Concello de Narón poñerá en marcha durante os vindeiros meses de xullo e agosto varias iniciativas dirixidas ás familias e deseñadas co obxectivo de facilitar a conciliación da vida laboral e familiar. Dende o Padroado da Cultura organizáronse os “Campamentos culturais de verán” para os meses de xullo e agosto nos que poderán participar menores de entre 3 e 12 anos.

Haberá quendas semanais que estarán divididas en tres grupos, por idades, con menores de 3 a 5 anos (máximo dez prazas); de 6 a 9 e de 10 a 12 (máximo quince prazas en cada unha delas) e para os que se requerirá un mínimo de asistentes. Os campamentos desenvolveranse entre as 8.00 e as 14.00 horas –de luns a venres- nas instalacións do Pazo da Cultura, donde se sucederán unha gran variedade de actividades que inclúen, a maiores, outras propostas pensadas para levar a cabo no exterior, clases de diferentes modalidades de baile, xogos tradicionais, de expresión corporal e psicomotrices, obradoiros de manualidades, sesións de relaxación e visionado de películas.

A primeira das oito quendas será do 6 ao 10 de xullo, e a última entre o 24 e o 28 de agosto. As inscricións –haberá que pagar unha taxa de 11,20 euros por quenda– tramitaranse nas oficinas do Pazo da Cultura, a partir de mañá, en horario de 09.30 a 13.30 horas e terán preferencia as persoas  empadroadas no Concello de Narón.

Máis propostas de ocio

As outras dúas propostas de ocio educativo serán os programas municipais “PequeAldea” e “KDD X Igual mocidade 2020”, que se desenvolverán en ambos casos nas instalacións do Parque de Aldea Nova, na parroquia de Sedes e que serán de balde.

O programa “PequeAldea” diríxese a menores nados entre 2008 e 2016, empadroados ou escolarizados en Narón e cuxos pais traballes. En total programáronse catro quendas: do 6 ao 17 e do 20 ao 31 de xullo e do 3 ao 14 e do 17 ao 28 de agosto. En total, para este programa ofértanse 90 prazas, para as que se abrirán as inscricións nos vindeiros días e no que “realizarán actividades relacionadas coa robótica Lego, de horticultura, experimentos, lectoescritura, construción de maquetas, adaptadas á súa idade.

A segunda das propostas municipais dirixida a un colectivo específico é a  “KDD X Igual mocidade 2020”, un programa dirixido á mocidade nada entre 2002 e 2007  –tamén empadroada ou escolarizada na cidade- e que terá lugar do 6 ao 12 de xullo. De luns a xoves desenvolverase entre as 10.00 e as 14.00 horas, se ben o venres e o sábado haberá pernoctación e pensión completa no parque Aldea Nova para rematar o domingo 12 de xullo ao mediodía. En total haberá 18 prazas e tamén se facilitará dende o Concello servizo de transporte  dende a Casa da Mocidade e a apertura do prazo de inscrición anunciarase nos vindeiros días.

Salir de la versión móvil