O pleno de Narón aproba a moción para esixir á Xunta melloras no seu servizo de atención primaria

A corporación tamén deu luz verde ao novo contrato de recollida de lixo por más de 30 millóns de euros para os próximos dez anos
Pleno outubro

A moción presentada por Terra Galega, PSOE e BNG apoiando os acordos da xuntanza da plataforma SOS Sanidade Pública –do pasado 30 de setembro- e solicitando melloras no servizo sanitario de Narón e na Área Sanitaria de Ferrol saíu adiante na sesión plenaria desta tarde nunha votación na que se abstivo o PP. O Concello instará á Xunta a solucionar o problema das colas na Praza de Galicia para acceder ao centro de saúde, que trasladou a propia alcaldesa, Marián Ferreiro, a responsables da Área Sanitaria.

En virtude a esta moción, a maiores de un espazo cuberto na praza para garantir o acceso en condicións dignas ao centro de saúde, tamén se reclamará á Xunta aprobar unha Unidade de Psicoloxía Clínica para o novo centro de saúde, un reforzo na atención telefónica –sobre cuxas deficiencias tamén se manifestou o edil de Sanidade, Santiago Galego- e un servizo permanente de Cirurxía Vascular na Área Sanitaria de Ferrol.

O bipartito naronés –TEGA e PSOE- aprobou no pleno desta tarde a proposta de adxudicación á empresa Acciona Servicios Urbanos SRL do contrato do servizo de recollida de Residuos Sólidos Urbáns e Limpeza Viaria do termo municipal por un importe de 30.805.945 euros para os vindeiros dez anos. O contrato contempla importantes melloras con respecto ao actualmente en vigor na cidade, tal e como recordou o voceiro de TEGA, Román Romero. O novo contrato incorpora a limpeza viaria dos tres polígonos industriais da cidade: A Gándara, As Lagoas e Río do Pozo, unha actuación que xa viña realizando o Concello pero que non se contemplaba no contrato coa adxudicataria. Así mesmo, incrementaranse as campañas de concienciación cidadá para continuar fomentando a reciclaxe de residuos; instalarase o sistema de carga lateral na recollida do lixo, ofrecendo máis garantías ao persoal do servizo; renovaranse contenedores por outros de maior capacidade; crearanse puntos limpos de proximidade xunto á Biblioteca, e nos barrios da Gándara, A Solaina, Piñeiros e Xuvia e incrementarase o número de tractores que traballarán nos desbroces da zona rural, entre outras melloras.

Os edís da corporación local abordaron un expediente de modificación de créditos no que se contempla unha partida de 886.987 euros para abonar a Ferrol o importe dos gastos derivados da explotación do servizo de depuración de augas residuais correspondente ao período de xuño de 2018 a decembro de 2019. Neste punto tanto a alcaldesa da cidade, Marián Ferreiro, como o voceiro de TEGA recalcaron que o Concello carece a día de hoxe da liquidación aprobada polo Consistorio ferrolán no pleno e, aseguraron “enterámonos polos medios de comunicación do importe e de que se nos ía facturar na vindeira liquidación o IVE”. Ferreiro recalcou ademais na súa intervención que “as regras de xogo non se poden cambiar unilateralmente”, tal e como manifestou en anteriores ocasións.

Na sesión plenaria tamén se acordou solicitar á Consellería de Educación a desafectación da Escola Unitaria de San Mateo, para destinala, segundo indicou a alcaldesa, a fins de interese público unha vez que a Xunta decidiu non reabrila por segundo ano consecutivo para o desenvolvemento de clases para o alumnado da parroquia.

Na orde do día tamén se incluíu a aprobación dos festivos locais para o vindeiro ano, que serán o 24 de xuño, festividade de San Xoán, e o 23 de novembro, Día de Narón.

A corporación local respaldou por unanimidade o convenio de colaboración para o desenvolvemento conxunto do Plan de Transporte Metropolitano de Galicia na área de Ferrol, o que supón un gasto plurianual de 50.938 euros nas anualidades de 2022 a 2025 incluídas. Así mesmo, saíu adiante o Plan de Acción polo Clima e Enerxía Sostible (Pacto dos Alcaldes para o Clima e a Enerxía promovido pola Unión Europea), ao que se adheriu o Concello no ano 2019 co fin de alcanzar os obxectivos das políticas enerxéticas da UE para reducir as emisións de dióxido de carbono a través de medidas de eficiencia enerxética, promoción de enerxías renovables e mobilidade urbana sostible e outras actuacións.

No apartado de mocións aprobouse por unanimidade a presentada polo BNG para prolongar ao ano 2021 o Día das Letras Galegas adicado a Ricardo Carvalho Calero. Saíu tamén adiante cos votos do bipartito a moción do BNG relativa á invasión en Narón da “herba da pampa”, sobre a que o edil de Medio Ambiente, Santiago Galego, recoñeceu a existencia dunha problemática que afecta a moitos concellos debido á proliferación desta planta invasora, demandando da Xunta a elaboración dun plan específico de exterminio desta especie.

Fóra da orde do día o PSOE e o BNG presentaron unha moción, que contou co respaldo dos edís de TEGA, instando á Xunta a retirar o protocolo de prevención da transmisión da Covid-19 no alumnado con necesidades específicas para o ámbito educativo, por consideralo “insuficiente, incompleto, contrario á normativa vixente e elaborado sen o consenso de asociacións e entidades implicadas na atención educativa á diversidade, a comunidade educativa e os axentes afectados pola súa aplicación.

Publicidad
Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.