O Concello de Narón presentou onte o programa da quinta edición do Festival Internacional do Monólogo Teatral Singular. O Padroado da Cultura organiza un ano máis este evento, que ofrecerá novas propostas e que conta coa colaboración de Redelae, o Agadic, A Xunta de Galicia e a Deputación da Coruña. A rexedora local avanzou que o festival, unha das propostas culturais xa consolidadas na cidade, desenvolverase do 7 ao 28 do vindeiro mes de marzo.
Os monólogos que forman parte desta edición do festival son “Señora de rojo sobre fondo gris”, con José Sacristán, o 7 de marzo -20.00 horas-, da compañía Pentación Espectáculos; “Helena, xuízo a unha lurpia”, protagonizado por María Barcala, o día 13 -20.30 horas-, de Teatro do Atlántico; “Olympia”, con Ângela Mourâo, o día 14 -20.00 horas- de Teatro Andante (Brasil); “Guerra de identidade”, interpretado por Déborah Vukusic, o 20 -20.30 horas- da compañía galega Deuve; “Autorretrato de un joven capitalista español”, de Alberto San Juan, o día 21 -20.30-, de Teatro del Barrio (Madrid); “O estado cru”, o 27 de marzo -20.30 horas- da galega Iria Sobrado e “La ciudad de las damas”, de Dayana Contreras, que pechará o festival Singular o día 28 -20.00 horas, a cargo da compañía Nueve Norte (Cuba). As entradas poden adquirirse na billeteira do Pazo ou na web do Padroado da Cultura: www.padroadodecultura.es.
Máis actividades
A maiores dos monólogos teatrais, o festival ofrecerá outras actividades paralelas, como unha mesa redonda sobre “Circulación internacional de espectáculos teatrais”, o día 13 de marzo no Café Teatro do Pazo da Cultura. Participarán como relatores da mesma recoñecidos profesionais a nivel internacional do mundo do teatro, como Octavio Arbeláez, director do Festival de Artes Escénicas de Manizales (Colombia), Gustavo Zidán, director da Sala Verdi e coordinador do Centro Cultural Terminal Goes, en Montevideo e Beatriz Quintero, directora executiva da Rede de Produtores Culturais Latinoamericanos, e do Mercado da Música Latinoamericana Circulart, de Medellín. Xunto con eles, participarán tamén destacadas figuras do panorama nacional e galego, como, Ana Belén Santiago, coordinadora de Redelae, Jacobo Sutil, director do Agadic e Xosé Paulo Rodríguez, director do teatro Rosalía de Castro da Coruña.
Do 13 ao 21 de marzo tamén se desenvolverá a iniciativa “Singulariño”, co obxectivo de involucrar á Escola de Teatro de Narón “e, ao mesmo tempo, darlle promoción ao propio festival”. “Esta iniciativa consistirá en intervencións de monólogos teatrais creados específicamente para este festival e que se levarán a cabo en establecementos da cidade, de quince minutos de duración e que se sucederán en espazos non convencionais para este tipo de espectáculos”, explicou al alcaldesa Marián Ferreiro.
Discussion about this post