Preto de 1.500 persoas optan aos novos postos da bolsa de emprego de Narón

As ofertas serán para conserxe, administrativo e auxiliar administrativo

Un total de 1.460 persoas presentaron solicitudes ás tres categorías ofertadas a través da bolsa de emprego do Concello naronés, rematando o pasado día 11 o prazo de recollida das mesmas, tal e como recordou o concelleiro de Persoal e Recursos Humáns, Pablo Mauriz.

Para a categoría de Conserxe (Grupo C2) recibíronse 400 solicitudes, para a de Administrativo (Grupo C1) 470 e as 590 restantes foron para a de Auxiliar administrativo (Grupo C2). Tanto para a categoría de Conserxe como para a de Auxiliar Administrativo requeríase o título de graduado en ESO, se ben para a de Administrativo era preciso o de Bacharelato ou técnico.

Mauriz explicou que os trámites que se realizarán a continuación serán os de publicar (poderase consultar na Sede Electrónica do Concello) o listado provisional de persoas admitidas e excluídas neste proceso para cada unha das categorías para, a continuación, abrir un período no que poderán presentar reclamacións –no caso de consideralo oportuno- antes da publicación da lista definitiva de admitidos e excluídos.

Unha vez pechada esa lista procederase a realizar a valoración de cada unha das persoas que formarán parte da bolsa de emprego do Concello, explicou Mauriz.

Salir de la versión móvil