Sés voltará ao Pazo de Cultura de Narón para presentar o seu novo disco “Liberar as arterias”

A cantante coruñesa inaugura a programación do último cuadrimestre do ano no auditorio naronés
553b787fe5-20150424-santome-concierto-ses-teatro-principal-002

Os espectáculos teatrais e a música regresarán de novo a partir da vindeira semana ao Pazo da Cultura. “O protocolo establecido para cumprir as medidas sanitarias de prevención da Covid-19 marcará o desenvolvemento da programación deseñada dende o Padroado da Cultura para o último cuadrimestre do ano, na que haberá espectáculos dirixidos a todo tipo de públicos”, tal e como recordou a  alcaldesa e presidenta do citado organismo, Marián Ferreiro.

A primeira das citas, apuntou, terá lugar o vindeiro venres, día 18, e estará protagonizada pola cantante Sés. A partir das 20.30 horas dará comezo o concerto no que presentará ao público o seu sexto traballo discográfico, “Liberar as arterias”. Durante aproximadamente dúas horas poderanse escoitar os temas deste disco, no que a artista amosa a súa continua evolución no estilo musical e a súa alma cantareira. O prezo das entradas é de 12 euros para o público xeral e de 8,40 para abonados, desempregados, persoas con carné xove ou de estudante (ata 25 anos) e menores de 14 anos.  Aínda quedan algunhas disponibles, polo que as persoas interesadas en asistir poden adquirilas no despacho de billetes do Pazo ou a través da web do Padroado da Cultura: www.padroadodecultura.es.

O día seguinte, o sábado 19 ás 20.00 horas, terá lugar outra representación teatral, nesta ocasión a comedia “As Virxes salvaxes”, da compañía Teatro do Noroeste. A temática desta peza xira en torno á situación de recluír ás persoas maiores en institucións nas que os coiden, unha situación que xorde coas présas e os apuros da cultura urbana, donde os maiores parecen non ter cabida. Unha nova interna chega a unha destas institucións porque a súa filla non a pode atender, e outras realizan, sen pretendelo, unha revolución poñendo en cuestión a institución, xerando un caos no que non faltarán situacións tremendamente divertidas. As entradas teñen un prezo de 9,50 euros para o público xeral e de 6,65 para as tarifas reducidas.

A programación dirixida a público familiar e infantil tamén se retomará este mes, concretamente o día 20. A compañía Fantoches Baj representará o espectáculo “Os golfiños e o xigante”, a partir das 18.00 horas. Baseada nun feito real, esta peza é unha fábula contada con sombras chinesas, protagonizada por Bao Sí Shun, un home considerado polo Récord Guiness o máis alto do planeta e que grazas ao seu longo brazo conseguíu extraer dúas boias de piscina do esófago duns delfíns. A adestradora dun acuario irá na súa procura superando diferentes atrancos, atopándoo na súa aldea natal, dende onde van salvar aos delfíns. O prezo das entradas é de 9,50 euros para o público xeral; 6,65 para abonados, desempregados e persoas con carné xove ou de estudante (ata 25 anos) e 5,50 para menores de 14 anos.

Pecharán a programación deste mes no Pazo os integrantes da compañía Funamviolinistas, o día 26 ás 20.00 horas co espectáculo “ContraEscena”, unha proposta de teatro musical de algo máis dunha hora de duración e protagonizada por tres artistas itinerantes que van presentando o seu show por diferentes lugares. O público poderá ver o que sucede entre bastidores, as intimidades destas tres mulleres que dan a coñecer en clave cómica e dramática o reto que supón conciliar as súas responsabilidades, dúbidas e aspiracións persoais coa convivencia entre elas. Trátase de tres mulleres moi distintas entre elas pero que tamén teñen lazos que as unen. A alegría e o bo humor marcan este espectáculo sobre a vida, na que todos somos protagonistas. As entradas teñen un prezo de 9,50 euros para público xeral e 6,65 con tarifa reducida.

Publicidad
Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.