O programa municipal de educación ambiental “Narón en Transición” retoma a súa actividade o vindeiro sábado, día 27, cun novo itinerario didáctico: “Ecosistemas de Narón LIC Xuvia-Castro”. O concelleiro de Medio Ambiente, Santiago Galego, anunciou que as persoas que queiran participar –hai un máximo de 20 prazas- deben anotarse no correo electrónico: [email protected] ou no Servizo Sociocomunitario municipal (na primeira planta do Concello, con acceso pola Praza de Galicia), ata o día 26 de xuño. O formulario de inscrición pódese descargar da páxina web do Concello
O itinerario consta dun percorrido de aproximadamente 5,4 quilómetros, que partirá do apeadeiro de FEVE de Sedes ás 11.00 horas e con regreso previsto ao apeadeiro de FEVE en Xuvia sobre as 14.30. “Trátase dun percorrido de baixa intensidade, que poden realizar persoas de todas as idades e que discorrerá por un bosque de ribeira, onde profesionais na área de medio ambiente irán explicando e analizando as diversas especies que se poden atopar neses espazos e tamén como funcionan os muíños de rodicio, ademais de ofrecer consellos ambientais”, avanzou o edil socialista.
No caso de que participen persoas menores de 14 anos os pais deben cubrir un documento –que está no propio formulario, na web do Concello- no que autoricen a participación do menor na actividade. Na propia ficha da actividade, que tamén se pode descargar, contémplanse actividades ambientais e un caderno de campo para a recollida de mostras.
O edil naronés incidiu en que “para cumprir as indicacións das autoridades sanitarias, é obrigatorio levar máscara cando non se poida manter a distancia de seguridade e as actividades que se van a levar a cabo axustaranse tamén ao protocolo sanitario”.