Os bombeiros do Speis de Narón tiveron que intervir nun accidente de tráfico rexistrado esta mañá á altura do quilómetro 2 da AC-116, a estrada de San Mateo, por unha saída de vía tras recibir unha alerta do 112 sobre un vehículo lixeiro que se atopa volcado lateralmente e fóra da estrada.
Unha vez no punto os profesionais do Speis procederon a estabilizar o vehículo para realizar a primeira valoración interior dunha persoa atrapada, que estaba consciente e estable. Unha vez estudada a situación, decidiron extraela pola parte posterior do turismo e conseguiron inmobilizada no interior do vehículo para trasladala a unha ambulancia medicalizada que requeriu o Speis ante ese accidente para levala a un centro hospitalario.
Dende o Speis explicaron que ao tratarse dun vehículo híbrido foi preciso en primeira instancia desenerxizalo e aseguralo para evitar riscos eléctricos.