Vinte establecementos hosteleiros participan no concurso de tapas de Entroido de Narón

A cita gastronómica desenvolverase do 21 de febreiro ata o 1 de marzo

Un dos eventos que xa é un clásico durante o Entroido naronés é o concurso anual de tapas organizado polo Concello a través do Club Narón Gastronómico, no que nesta edición participarán vinte establecementos. A  cita gastronómica, xa consolidada na cidade, se desenvolverá dende o 21 de febreiro ata o 1 de marzo, podendo degustar neste período as diferentes elaboracións presentadas polos hostaleiros locais a este certame.

Os establecementos participantes na convocatoria deste ano son o restaurante A Roldana, a cervexaría Australian, Café Bar Ramil, Casa Sindo, a Estrela do Ponto, Gastrobar Piñeiros, La Cantina, La Continental, La Panadería, La Perfecta, La Salmantina, Mamá Flora, Mesón O Pío, Mestura, Novo O Tapeo, Nueva Orleáns, Nuevo Mercado, Os Cazadores, Silver e 3 Pés. Nestes establecementos poderanse degustar diferentes elaboracións, doces ou salgadas, a base de produtos típicos do Entroido.

Unha das novidades deste ano é que os establecementos tamén teñen a opción de ofrecer as tapas de balde á clientela coas súas consumicións ou cobrar un prezo que non poderá superar os tres euros. No concurso de Tapas de Entroido haberá premios para os hostaleiros e tamén para a clientela que puntúe as tapas. Nos concedidos polo xurado experto en gastronomía para a valoración da cata a cegas haberá un primeiro premio de 400 euros, un segundo de 250 e un terceiro de 150 euros, todos eles con diploma e detalle conmemorativo.

Os premios do xurado popular serán de 300 euros o primeiro, de 200 o segundo e de 100 o terceiro, tamén con diploma e detalle conmemorativo. Así mesmo, a clientela –por valorar as tapas nos establecementos- optará tamén a premios, xa que se sortearán tres ceas para unha persoa e acompañantes por un importe máximo de 150 euros nos establecementos clasificados en primeiro, segundo e terceiro posto e tamén se sortearán dous  circuítos de Spa no Odeón Spa Center. O acto de entrega destes premios terá lugar o día 5 de marzo no Concello.

Salir de la versión móvil