O Concello de Neda vén de iniciar os trámites para adherirse á nova liña de axudas do Plan de Emprego Local -PEL- da Deputación da Coruña, PEL-Reactiva. Unha liña de subvencións dirixida á reactivación económica e social para paliar a crise xerada pola Covid-19 nas microempresas e persoas autónomas.
Neda destinará así unha partida de 67.048,88 euros, dos que o 80% serán financiados por Deputación e o 20% restante, con fondos propios. Unha vez aprobada a solicitude por parte da institución provincial, o Concello de Neda estará en condicións de anunciar a convocatoria para que microempresas e persoas autónomas poidan beneficiarse das axudas.
Fondos para potenciar o tecido empresarial local
Os fondos poderán ser destinados, entre outras cuestións, a gastos de adaptación e acondicionamento dos negocios á nova realidade derivada da Covid-19, compra e instalación de mamparas, adquisición de produtos de limpeza e protección, así como a gastos correntes.
Ademais, e en paralelo, o Concello está á espera de recibir contestación da Xunta sobre a petición cursada para establecer axudas dirixidas a persoas autónomas do municipio con orzamento propio. Autorización que Intervención solicita para dar luz verde á iniciativa ao tratarse dunha competencia autonómica.