A pesares de vivir unha nova normalidade na que os festexos quedan aparcados nas axendas, o Concello de Neda non se esquece da súa patroa Santa María, e o vindeiro martes 8 de setembro o municipio celebrará a súa festividade local como manda a tradición.
Programación das festas
Será unha celebración atípica e, debido a actual crise santiaria, máis sentimental que nunca, polo que dende a casa consistorial decidiuse acompañar de animación nas rúas para tentar darlles algo de alegría a través das actuacións itinerantes da charanga Santa Compaña e Pulpiño Viascón e o Sr. Lili e o seu espectáculo A Musicleta.
A primeira, percorrerá as rúas a partir das 13.00 horas, e os segundos ambientarán o parque de Santa María dende as 18.00 horas, pensando sobre todo nos máis cativos da casa. Así mesmo, ás 19.00 horas, o adro da igrexa de Santa María acollerá un espectáculo de acrobacias e xogos aéreos a cargo da compañía Desastronauts, e que leva por título «Máis alto aínda».
Con aforo reducido e coas debidas medidas de prevención, as persoas interesadas en tomar parte deben reservar previamente a súa entrada chamando ao teléfono 981 39 02 33 este xoves e venres e o próximo luns en horario de 10.00 a 14.00 horas, ata completar as prazas. As actuacións están patrocinadas pola Deputación provincial da Coruña a través da Rede Cultural e tamén polo 8º ciclo Cultura no Camiño.