Neda reforza o servizo de recollida de voluminosos para evitar verquidos incontrolados

Este servizo municipal e gratuito ampliará os seus roteiros dependendo da demanda da veciñanza para evitar a proliferación de lixo

O Concello de Neda anima á veciñanza a facer uso do servizo gratuíto de recollida de voluminosos para favorecer a correcta xestión dos residuos e evitar así a proliferación de verquidos incontrolados en zona urbana e rural.

Un servizo que o Concello presta o último luns de mes na zona comprendida entre o río Belelle e a ponte de Xuvia, así como nas zonas de Viladonelle, Mourela, Anca e O roxal, e o primeiro luns de mes na área entre o río Belelle e o límite co termo municipal de Fene.

A estes servizos mensuais, o Concello tamén pon a disposición da veciñanza o número de teléfono 981 38 00 39 para que informen se precisan realizar depósitos fóra do citado calendario. A partir das chamadas recibidas, programarase unha ruta específica que se lles comunicará informando do día e hora á que poden deixar os seus enseres para ser retirados polo Concello.

Así mesmo, e como medida de concienciación, o Concello vén de instalar nova sinaléctica en diferentes puntos do municipio sobre o servizo de punto limpo, tamén dispoñible para os veciños e veciñas empadronados en Neda.

Salir de la versión móvil