O salón de actos da Casa da Cultura de Neda acollerá este venres 23 o espectáculo «Fillos do Sol», escrito e dirixido por Cándido Pazó. Unha homenaxe ao controvertido escritor que, con Rosalía e Curros, constituíu un dos tres pés poéticos do Rexurdimento galego.
A función dará comezo ás 20.30 horas con entrada de balde pero con reserva previa de butaca chamando ao 981 39 02 33 a partir deste mércores 21 de outubro e ata o mesmo venres ás 14 horas (ou ata esgotar prazas). O espectáculo chegará a Neda da man da Rede de Dinamización Lingüística da Xunta de Galicia.
Con César Cambeiro, Adrián Ríos e Alba Bermúdez, 75 minutos de emotivo, reflexivo e divertido espectáculo. Coas súas dúas tramas entrelazadas, a obra combina momentos de reflexión, de diversión e de comicidade, de emoción, de reivindicación, de tenrura, de controversia…
Unha elucubración sobre a figura de Eduardo Pondal e a súa obsesión co monumental poema épico que ocupou toda a súa vida como escritor: Os Eoas. A cabalo entre a realidade ficcionada e a fabulación dramática, don Eduardo, xa octoxenario e comesto pola neurose dos seus últimos anos, confronta as súas dúbidas, medos e insatisfaccións creativas cun personaxe nacido da súa perturbación, a de Eduardo, el mesmo cando comezaba, de mozo, a súa carreira literaria. E, como contrapunto, a vida real e diaria representada por Rosa, a xove criada da pensión na que o bardo pasou a última tempada da súa vida.