O ciclo cultural Teatro en Familia continuará este domingo coa obra “O Quixote” da compañía Pedras de Cartón. A función dará comezo ás 18:30 horas na Casa da Cultura, con entradas ó prezo de 1 euro para o público infantil —a partir de 5 anos— e de 2 euros para o adulto. Pódense adquirir na Biblioteca Municipal, a partir de mañá martes en horario de 09:00 a 13:00 e de 16:00 a 20:00 horas, e no caso de quedar prazas libres, dende dúas horas antes do inicio da sesión. Iso si, mércores, ó ser festivo, o centro cultural permanecerá pechado.
O espectáculo, o segundo da compañía, vén de recibir o Premio Certame Barroco Infantil no Festival Internacional de Teatro Clásico 2021. Desta volta afrontan o texto de Cervantes, un dos máis coñecidos da literatura española, en clave de comedia. Cunha estética inspirada no pallaso clásico —moi ao estilo Fellini— e en clave de clown, afrontan as escenas máis icónicas da novela, da relación antagónica entre Quixote e o seu escudeiro Sancho. O ciclo, organizado polo Concello, conta co apoio da Xunta e da Deputación, así como do programa Ler Conta Moito.