‘As Fillas Bravas’ chega a Neda coma un canto emancipatorio das mulleres

A obra da compañía Chévere Teatro desenvolverase este sábado nas inmediacións do albergue a partir das 20:00 horas

Patricia de Lorenzo, Mónica García e Arantza Villar son 'As fillas das bravas'

Chévere traerá este sábado a Neda o seu último espectáculo: As Fillas Bravas. A función, a partir das 20:00 horas, desenvolverase nunha contorna privilexiada, o paseo marítimo de Xubia, nas inmediacións do Albergue de Peregrinos —en caso de choiva, trasladaríase á Casa da Cultura—.

As Fillas Bravas son tres mulleres que tocan e cantan o que lles dá a gana, como antes fixeron a súa nai e a nai da súa nai, porque todas son fillas do vento, cantoras dunha estirpe de voces furtivas que gritan entre raposos.

A través desta peza, interpretada por Patricia de Lorenzo, Mónica García e Arantza Villar, a compañía segue explorando as posibilidades dun teatro con perspectiva de xénero, dando continuidade a traballos que cuestionaron a rixidez dos xéneros —como Testosterona—, que reivindicaron as voces silenciadas dunha forza de traballo femenina que segue levantando imperios económicos na era da globalización —Citizen—, que promoveron a lectura crítica dos valores machistas que transmiten as cancións románticas.

Nesta liña de traballo, As Fillas Bravas veñen para reafirmar modelos empoderados de muller, vinculados a expresións culturais tradicionais que esconden berros emancipatorios e cantos de rebeldía insospeitados.

É tamén un traballo de investigación sobre a sexualidade, as relacións de xénero e os roles da muller na sociedade tradicional que aparecen reflectidos nas coplas do cancioneiro popular galego, para o que se fixo un traballo de procura, selección e adaptación de textos de transmisión oral publicados desde a segunda metade do século XIX.

A función chega ao municipio a través do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero que impulsa o Ministerio de Igualdade do Goberno de España.

Salir de la versión móvil