Nos próximos días, o Concello de Neda iniciará o reparto entre a veciñanza de 10.000 mascarillas adquiridas directamente en China. Unha compra estimada en 5.000 euros, unha cuantía moi ventaxosa tan só posible grazas á colaboración dunha empresa da zona como é Gabadi. O alcalde, Ángel Alvariño, recepcionou esta semana o pedido na casa consistorial e quixo agradecer publicamente o xesto da firma, especializada na habilitación de buques e no sector enerxético e con sede no polígono de Río do Pozo.
Explicou que grazas a Gabadi o Concello logrou aforrar os custes do transporte, xa que traballadores da comarca desprazados ao país asiático encargáronse de trasladar as mascarillas no seu regreso a España. Foron 10.250 quilómetros de traxecto en avión, o que separa Neda de Shangai, onde Gabadi está a construir catro tanques de gas para outros tantos portacontenedores que, segundo as previsións, convertiranse nos de maior tamaño do mundo.
No día de onte, o director xeral da firma en España e en Shangai, Antonio Llago, desprazábase a Neda para entregar o material e, nos próximos días, o Concello repartirá as mascarillas a través de Servizos Sociais entre os colectivos máis vulnerables. A maiores, tamén as repartirá entre a veciñanza en xeral, a través do tecido asociativo.