Narón e Cedeira súmanse aos actos polo Día de Rosalía

Faladoiros, lecturas públicas e obradoiros para os máis nenos copan as actividades desta conmemoración

A Biblioteca municipal de Narón acollerá mañá pola tarde o primeiro dos actos programados dende o Concello con motivo do Día de Rosalía, que se conmemora cada 24 de febreiro, coincidindo coa data do nacemento, no ano 1837, de Rosalía de Castro. Esta primeira actividade será ás 19.00 horas e consistirá nun faladoiro, que leva por título, “De Rosalía de Castro a hoxe: a escrita feminista na literatura galega” e que correrá a cargo da escritora e tradutora María Reimóndez.

A Ludoteca-Axencia de Lectura da Solaina acollerá tamén mañá unha actividade que consistirá na elaboración dun xogo de mesa “Rosalía de Castro”, á que poderán asistir nenas e nenos de entre 7 e 12 anos entre as 16.00 e as 18.00 horas, que poderán coñecer a vida e obra da escritora mentres realizan o xogo.

Máis concellos de Ferrolterra renden homenaxe a Rosalía de Castro no seu aniversario

As actividades do Día de Rosalía continuarán o sábado na Ludoteca-Axencia de Lectura da Solaina as 11.15 horas cun obradoiro de marcapáxinas dirixido a nenas e nenos a partir de 3 anos, que deben inscribirse previamente nas citadas instalacións municipais. Tamén o sábado, ás 12.00 horas, se celebrará na Biblioteca outro acto, unha lectura pública da obra de Rosalía, que abrirá a alcaldesa Marián Ferreiro.

Os actos do sábado continuarán sobre as 12.45 horas no parque da rúa Rosalía de Castro (A Gándara), donde se plantará unha filla da figueira da Casa Museo de Rosalía, donado pola Fundación Rosalía de Castro. Representantes da corporación local, coa alcaldesa Marián Ferreiro á fronte, participarán na convocatoria, na que tamén estará o presidente da citada Fundación, Anxo Angueira.

Pola súa banda, o Concello de Cedeira organiza o próximo luns un acto público que consistirá na lectura dalgunhas das obras da escritora de Padrón por parte dos asistentes. A fachada da biblioteca adornada coa faciana da ilustre poeta galega acollerá a celebración dun encontro que dará comezo ás 12.00 horas.

 

Relacionado:

 

 

 

Salir de la versión móvil